A Concellería de Formación e Novas Tecnoloxías convoca oito novas accións formativas da área de Inclusión Tecnolóxica (rede CeMIT) que se desenvolverán entre os meses de febreiro e xuño, en función do curso, na Aula Cemit de Xuvia.
Estas accións se dirixen, dependendo da modalidade elixida, a persoas empadroadas en Narón e tamén a tres colectivos específicos:
- Desempregados totais ou en mellora de emprego.
- Pemes do sector servizos e o seu persoal.
- Cidadanía en xeral.
Cando e como inscribirse?
O prazo de inscrición nestes cursos abrirase o martes 31 de xaneiro ás 08:30 horas, debendo as persoas interesadas cubrir unha instancia xenérica que poden solicitar no Rexistro municipal ou descargar da páxina web do Concello: www.naron.es. Este prazo remata o vindeiro 7 de febreiro de 2017 ás 13:30 horas. En cada instancia só se especificará unha acción formativa. No caso de estar interesado/a en varios cursos compatibles en horario e nos que se cumpre os requisitos de acceso, será necesario cubrir máis dunha instancia.
Con cargo a esta convocatoria, destacou Natalia Hermida, concelleira desta área “ofreceremos 460 horas de formación, dirixidas a un total de 79 persoas da nosa localidade”.
Documentación a presentar
Documentación a presentar, no caso de ser admitido/a, no prazo de dous días dende a comunicación da admisión:
- Fotocopias da tarxeta de demandante de emprego e NIF (ou similar), para as persoas desempregadas totais ou con tarxeta de mellora de emprego.
- Fotocopias do informe de vida laboral e contrato de traballo actuais e NIF (ou similar), para o persoal contratado en PEMES do sector servizos.
- Fotocopias da declaración censual (modelos 036 ou 037) e informe de vida laboral e NIF (ou similar), para a xerencia das PEMES do sector servizos.
- Fotocopias do NIF (ou similar), para a cidadanía en xeral.
As accións formativas
Ao primeiro dos colectivos, persoas desempregadas totais ou en mellora de emprego diríxense tres accións formativas:
- “Xestión empresarial básica”, con nove prazas e de duascentas horas de duración (en horario de tarde), que comezará o 13 de febreiro.
- “Mellora da empregabilidade en internet”, con dez prazas e de trinta horas, para iniciar o 21 de marzo.
- “Marketing dixital. KPIs”, para doce persoas e de 50 horas que comezará o 1 de abril (estes últimos en horario de mañá).
Para as Pemes do sector servizos e o seu persoal convocaranse accións formativas de:
- “Posicionamento en internet e indicadores de xestión”, que tamén comezará o 13 de febreiro.
- “Creación e dinamización da web”, que se iniciará o 15 de marzo.
- “Marketing dixital: promoción comercial a través das redes sociais”, a partir do 17 de abril. Para cada un deles, de vinte e catro horas de duración, ofrécense dez vacantes (ambos serán en horario de tarde).
A inscrición da terceira das convocatorias será aberta á cidadanía en xeral:
- O 2 de maio comezará unha acción formativa sobre “Trámites online e administración electrónica”, con sete prazas e de corenta e oito horas.
- O 19 de maio iniciarase outra sobre “A utilidade das TIC”, de sesenta horas e para once persoas (en horario de tarde).
“Un ano máis, desde a Concellería de Formación e Novas Tecnoloxías, continuamos incrementando a oferta formativa dirixida aos nosos veciños e veciñas e nesta ocasión, como novidade, tamén hai unha proposta específica dirixida a empresarios e persoal en activo das empresas de servizos da localidade, que consideramos que pode ser útil para a mellora da efectividade dos seus negocios”, destacou Natalia Hermida. A edil naronesa incidiu no “esforzo inversor que se realiza desde o goberno local para poder convocar cada ano accións formativas dirixidas a diversos colectivos da sociedade, co fin de mellorar as opcións dos naroneses e naronesas á hora de acceder ao mercado laboral”.