NOVAS

Aberto o prazo de inscrición nas Mesas de conversa en inglés que comezarán o vindeiro luns

Publicado o 03 de Outubro de 2019

A concelleira de Bibliotecas de Narón, Mercedes Taibo, anunciou a apertura do prazo, onte, para inscribirse nas primeiras sesións deste trimestre (as do vindeiro luns, 7 de outubro) das Mesas de conversa en inglés.

Haberá dúas sesións, os luns de 17.15 a 18.15 e tamén entre as 18.15 e as 19.15, tal e como indicou a edil naronesa, que recordou que se trata dunha actividade de balde.

Cada persoa que desexe asistir deberá reservar a súa praza cada vez que queira acudir ás sesións, abrindose a lista de inscrición para cada un deles o mércores anterior á Mesa de conversa en inglés ás 9.30 horas. As inscricións poden realizarse de xeito presencial ou telefónica no horario de apertura da Biblioteca municipal. 

Así mesmo, Taibo recordou que aínda quedan tres prazas dispoñibles, das dez ofertadas, para as clases de español para persoas estranxeiras, que teñen lugar os xoves de 19.30 a 21.00 horas. As inscricións poden tamén formalizarse nas instalacións da Biblioteca.

En canto ao Club de lectura para persoas adultas, completáronse as doce prazas existentes e procederase a iniciar as sesións o vindeiro 22 de outubro, de 19.00 a 20.30 horas.