NOVAS

Aberto o prazo de inscrición nun Obradoiro de construción de xoguetes con material de refugallo dirixido a nenos e nenas de 4 a 8 anos

Publicado o 08 de Xuño de 2016

Os nenos e nenas de 4 a 8 anos son os destinatarios dunha nova actividade organizada pola Concellería de Educación.

 Así o indicou a edil da área, Mercedes Taibo, que anunciou a apertura do prazo de inscrición nun Obradoiro para cosntruír enredos con material de refugallo que se celebrará este venres, 10 de xuño, no local social de Piñeiros entre as 18.00 e as 19.30 horasA actividade é de balde pero é preciso anotarse previamente.

Os participantes aprenderán a facer os seus propios xoguetes, dun xeito divertido e económico, utilizando materiais de refugallo. A actividade enmárcase no programa Apego, que promove a socialización en galego da infancia, e correrá a cargo do proxecto Xandobela. Un dos obxectivos desta proposta é fomentar a creatividade e a autonomía dos menores, que ademais gozarán dunha divertida tarde de xogos con rapaces e rapazas da súa mesma idade.

Os interesados deben inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística do Concello, chamando ao número de teléfono 981 337 700 (ext.1516) ou no enderezo electrónico: a.pita@naron.es. Deberán facilitar o nome e idade do neno ou nena que participará na actividade, o nome e apelidos da súa nai ou do seu pai, un número de teléfono e un enderezo electrónico de contacto.

En total ofértanse cincuenta prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia as familias que forman parte do proxecto Apego.