A iniciativa, levada a cabo pola Concellería de Ensino e Bibliotecas, procura manter a continuidade desta tradición do nadal na que a xuventude percorre as vilas cantando a cambio dun aguinaldo
As nenas e nenos a partires de 4 anos e as súas familias son os destinatarios do obradoiro participativo “Imos cantar o Nadal”, de recuperación dos cantos de Nadal e Reis. A cita terá lugar este xoves na Biblioteca municipal, e as persoas interesadas en acudir poderán inscribirse ata mañá día 18 ás 18.00 horas a través do correo electrónico: a.pita@naron.es. Así o explicou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, que recordou que as prazas cubriranse por orde de inscrición e que é preciso facilitar no citado correo electrónico o nome da actividade, o nome e idade do menor que acudirá e o nome da nai, pai ou persoa que o acompañe, así coma un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.
O obradoiro dará comezo ás 17.30 horas e rematará sobre as 20.00. Taibo explicou que constará de tres partes, unha de aproximadamente unha hora de duración dun obradoiro de cantos de Nadal e Reis e de construción de instrumentos sonoros; outra doutra hora que consistirá nunha saída para cantar aos Reis e visitar establecementos comerciais do contorno para pedir o aguinaldo, e unha final de media hora de merenda conxunta cos aguinaldos que consigan os nenos e nenas.
A edila de Ensino explicou que “os Cantos de Noiteboa, Aninovo e Reis son propios da época de Nadal da tradición oral galega, na que a xente organizábase en cuadrillas e ía polas casas pedindo o aguinaldo aos seus veciños e veciñas, cantando a cambio deste aguinaldo co que ao rematar celebraban unha pequena festa, sendo ese mesmo o obxectivo do obradoiro “Imos cantar no Nadal”. Na actualidade, tal e como recordou Taibo, esta tradición estase a perder, “pero grazas a moita xente anónima eses cantos fóronse recopilando, polo que debemos contribuír a recuperar esta tradición da nosa cultura propia destas datas e difundir este patrimonio cultural entre os nenos e nenas, implicándoos para darlle continuidade e evitar que caia no esquecemento”.
Recoméndase acudir a esta actividade con roupa de abrigo e, no caso de que os participantes o teñan, acudan con algún instrumento musical.
A Concellería de Ensino e Bibliotecas organiza esta actividade a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, tratándose dunha proposta do programa Apego, de socialización de nenas e nenos en galego.