A concelleira de Formación, Natalia Hermida, anunciou a apertura, o vindeiro luns días 27, do prazo de inscrición nun curso de Prevención de riscos laborais e medio ambiente no sector naval.
A convocatoria diríxese a un máximo de vinte persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, se ben poden apuntarse persoas desempregadas maiores de 18 anos doutros concellos que accederán á acción formativa no caso de non cubrirse todas as prazas con persoas de Narón.
Está previsto que o curso se desenvolva do 16 ao 24 de marzo deste ano. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo dende o día 27 ás 8.30 horas ata o día 3 de marzo ás 13.30 horas a través do Rexistro xeral do Concello, da Sede Electrónica de Narón –donde se poden descargar as inscricións- ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
A duración do curso será de 16 horas e quince máis de módulos adicionais, que se impartirán no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, en horario de mañá. Conceptos básicos sobre seguridade e saúde laboral; Riscos de seguridade ligados á área de traballo, equipos de protección persoal, ergonomía, riscos específicos do sector naval, requisitos legais básicos que afectan á nosa actividade, almacenamento de substancias, segregación de residuos e actuacións ante derrames incidentais forman parte dos contidos que se abordarán no curso, cun total de 16 horas. A maiores, realizaranse 15 adicionais sobre módulos transversais de orientación, igualdade e emprendemento, tal e como explicou Hermida.
O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro e as persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse á web do Concello –www.naron.es- ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).