NOVAS

Abre o prazo de inscrición no Festival de Comparsas de Entroido

Publicado o 25 de Xaneiro de 2023

Narón, 25 de xaneiro de 2023. O Padroado da Cultura abrirá o 1 de febreiro, e ata o día 3 do mesmo mes, o prazo para inscribirse no Festival de Comparsas de Entroido organizado para o vindeiro 18 de febreiro.

O desfile sairá ás 17.00 horas dende a Praza da Gándara ata a pista polideportiva da Solaina e poderán participar un máximo de dez comparsas, sete de Narón e tres doutros concellos, tal e como avanzou a edil de Cultura, Olga Ameneiro. Os interesados en anotarse poderán facelo dende o vindeiro mércores nas instalacións do Pazo, en horario de 9.00 a 14.00, onde terán que presentar unha copia das letras a interpretar e os datos persoais do representante da comparsa.


O Padroado da Cultura asignará, como cada ano, unha axuda económica ás comparsas participantes, que será de 800 euros para as de Narón (co 75 % como mínimo dos seus compoñentes que residan na cidade), 400 para as doutras localidades e tamén 400 euros para as convidadas. Así mesmo, tal e como se especifica nas normas de participación, todas as comparsas de Narón deberán realizar unha actuación na súa parroquia e outra en calquera outra do termo municipal, con percorrido no caso de ser posible.
Cada comparsa debe estar formada por un mínimo de quince persoas, na súa maioría con máis de 14 anos, e disporá dun tempo máximo de dez minutos para actuar. Os temas das cancións das comparsas deben ser obrigatoriamente locais e empregar o galego. 
A orixinalidade dos disfraces, o enxeño da crítica feita na actuación, a calidade musical e o que cada actuación supoña de recuperación do Entroido en Galicia serán os apartados a ter en conta polo xurado á hora de conceder os tres primeiros premios, que consistirán nunha figura conmemorativa do Día do Entroido.


“O festival do Entroido levarase a cabo baixo unha carpa que se instalará un ano máis na pista polideportiva da Solaina, donde todas e todos poderemos desfrutar un ano máis das inxeniosas actuacións das comparsas participantes”, asegurou a concelleira de Cultura, que animou ás formacións a inscribirse na convocatoria.