NOVAS

Accións Formativas para Desempregados: 45 persoas comezan a súa formación

Publicado o 05 de Xullo de 2016

Un total de quince persoas desempregadas da comarca iniciaron a pasada semana nas instalacións do Centro de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, un dos cursos do programa de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Un total de quince persoas desempregadas da comarca iniciaron a pasada semana nas instalacións do Centro de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, un dos cursos do programa de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Este curso sobre “Atención sociosanitaria a persoas no domicilio” ten unha duración total de 628 horas (rematará o 18 de novembro), das que 120 son de carácter práctico, e os participantes recibirán ao remate do mesmo un diploma acreditativo co que poderán solicitar o certificado de profesionalidade, tal e como recordou a concelleira de Formación, Natalia Hermida

No marco das propostas formativas AFD, outras trinta persoas comezarán o vindeiro 6 de xullo outros dous cursos –quince participantes por cada modalidade-, sobre “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” e de “Montaxe de mobles e elementos de carpintería”, en ambos casos de 478 horas e das que 80 son prácticas. Estas últimas accións formativas rematarán o vindeiro 28 de outubro.

O alumnado que realizará os tres cursos seleccionouse desde o Concello a través dos listados facilitados desde a Oficina de Emprego.

A edil de Formación recordou que o Concello de Narón conta na actualidade con varios cursos homologados e entre os mesmos, os tres citados anteriormente ofrecen a posibilidade de obter o certificado de profesionalidade. Natalia Hermida subliñou a importancia deste tipo de convocatorias, de carácter teórico e práctico, de cara a incrementar a formación e as posibilidades de inserción laboral das persoas que participan. “Nuns tempos nos que son moitas as dificultades para poder acceder a un posto de traballo a formación xoga un papel fundamental e desde o goberno local continuaremos apostando por esta vía e buscando a colaboración supramunicipal para poder ofertar ás persoas desempregadas toda a axuda que sexa posible desde o Concello nesta área”, destacou a edil naronesa.