NOVAS

Actos programados polo Padroado da Cultura e a AVV Trasancos de San Mateo con motivo do "Samaín"

Publicado o 26 de Outubro de 2016

A vicepresidenta do Padroado da Cultura; Marián Ferreiro, o secretario e o vicepresidente da Asociación de Veciños San Mateo de Trasancos, José Manuel García e José Antonio Fernández, respectivamente, presentaron os actos programados con motivo da vixésima edición do “Samaín”.

As xornadas serán do 30 ao 31 de outubro, tal e como se anunciou, no Centro Cívico Social de San Mateo, nunha carpa localizada nas inmediacións do edificio e  na antiga escola de San Mateo.

O día 30 pola tarde, a partir das 17.00 horas, haberá obradoiros de decoración de cabazas e de maquillaxe.

O día 31 programáronse varios actos con motivo do Samaín, entre eles:

  • De 17.00 a 19.00 de novo os obradoiros de maquillaxe e cabazas, cunha merenda incluída para os nenos e nenas que participen.
  • Unha sesión de Contos do Samaín”, a partir das 19.15 horas, a cargo de Celso Sanmartín no centro cívico.
  • Comitiva de Luces e Tebras recreará, desde as 20.00 horas, as manifestacións da mitoloxía galega popular en torno ao mundo dos mortos, realizando un pequeno percorrido pola zona do local social no que os participantes portarán candeas nas súas mans.
  • As 20.45 horas dará comezo o Obradoiro do medo, na antiga escola, onde se habilitará un labirinto no que poder experimentar vivencias tenebrosas.

 

As persoas asistentes terán tamén a oportunidade de degustar a un prezo simbólico dun euro unha cunca de caldo, acompañado de liscos, pan e bebidas sen alcol. Serán as persoas maiores da parroquia de San Mateo as encargadas de cociñar o caldo para esta ocasión.

A convocatoria do luns día 31 de outubro contará ademais coa participación do Grupo de gaitas do Padroado da Cultura, encargado de amenizar a xornada.

Vémonos no Samaín 2016!!!!