NOVAS

A alcaldesa asinou o pasado venres co reitor da Universidade da Coruña o convenio para o servizo de transporte universitario ao campus da UDC

Publicado o 12 de Novembro de 2018

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou o pasado venres no Concello xunto co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o convenio de colaboración para o transporte universitario de veciños e veciñas de Narón aos centros da UDC no campus da Coruña.

A vixencia deste acordo será por un prazo de catro anos, para os cursos 2018-2019; 2019-2020; 2020-2021 e 2021-2022 e a previsión de gasto máximo do Consistorio ascende, en conxunto, a 98.340 euros. Ao acto asistiu tamén a concelleira de Ensino da cidade, Mercedes Taibo.

O Concello de Narón manterá este convenio para regular as axudas aos universitarios e universitarias empadroados en Narón e matriculados en facultades da UDC do campus da Coruña e que se despracen a diario á cidade. A alcaldesa recordou que se subvencionarán as viaxes de ida e volta no mesmo día, quedando excluídas as realizadas en fins de semana e días non lectivos. O Concello sufragará o 20% do custe total do billete; a UDC o 30% e os universitarios e universitarias o 50% restante, tal e como figura no acordo. Para poder acceder a esta axuda é preciso ademais que as persoas que o soliciten non superen os umbrais de renda establecidos polo Ministerio de Educación.

Ferreiro destacou que este convenio coa UDC “permitirá ás universitarias e universitarios de Narón que se desprazan a diario á Coruña unha considerable rebaixa nos gastos ocasionados polo transporte durante o curso académico” e sinalou tamén a importancia de continuar renovando este acordo coa Universidade.