NOVAS

Apertura do prazo de inscrición nun curso de Prevención de Riscos Laborais de nivel básico

Publicado o 30 de Xuño de 2020

A acción formativa está destinada a persoas maiores de 18 anos en situación de desemprego, e abordará ensinanzas sobre a prevención e xestión de riscos no ámbito do traballo.

O Concello abrirá mañá, mércores, o prazo de inscrición nun curso de Prevención de Riscos Laborais (nivel básico). Esta acción formativa, tal e como indicou a concelleira responsable da área, Natalia Hermida, diríxese a un máximo de 16 persoas, que deben ser maiores de 18 anos, estar desempregadas, empadroadas en Narón e non ter concedido outro curso do Programa Municipal de Formación que coincida nas datas. As inscricións poderán presentarse dende mañá ás 8.30 horas ata o día 8 de xullo ás 13.00 horas e, como medida excepcional, entregaranse no primeiro andar do Consistorio (entrada pola Praza de Galicia), a través da Sede Electrónica do Concello –onde se poden descargar as inscricións- ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O curso terá unha duración total de 72 horas (60 de Prevención de Riscos Laborais e as 12 restantes de módulos adicionais) que se impartirán no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e que inclúen visitas didácticas a empresas da comarca. As datas previstas para esta acción formativa son do 15 de xullo ao 7 de agosto e o horario das clases de 15.30 a 19.30, de luns a venres, podendo variar nalgunha das xornadas este horario debido á realización de visitas didácticas, charlas ou módulos adicionais.

Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo; Riscos xerais e a súa prevención; Riscos específicos e a súa prevención no sector correspondente á actividade da empresa; Elementos básicos de xestión da prevención de riscos laborais; Primeiros auxilios e Sensibilización medioambiental e perspectiva de xénero e tres charlas relacionadas coa empregabilidade no sector naval, a implementación das medidas de prevención e a revisión dos EPIs e o seu mantemento son os contidos que se abordarán nesta acción formativa, que inclúe a maiores tres visitas didácticas.

Hermida subliñou que para asistir aos cursos é obrigatorio o uso de mascarillas e o cumprimento de todas as medidas de hixiene e sanitarias decretadas para a prevención da Covid-19.