NOVAS

Asinado esta mañá un acordo de colaboración entre o Concello de Narón e o IES As Telleiras en materia de Educación, Formación e Emprego

Publicado o 31 de Outubro de 2019

Na mañá de hoxe a alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou un acordo de colaboración entre o concello de Narón e o IES As Telleiras, representado pola súa directora, María Cristina  Alves Ferreira. A sinatura contou, así mesmo, coa presenza da concelleira de Formación, Natalia Hermida.

O obxecto deste acordo de colaboración  é o desenvolvemento dos módulos profesionais asociados ao currículo do ciclo de formación profesional básica do título profesional básico en Carpintería e Moble, no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, sendo beneficiario deste acordo o alumnado do Centro Público IES As Telleiras, matriculado e admitido no título profesional básico en Carpintería e Moble. As actividades comprendidas neste acordo desenvolveranse entre os meses de outubro de 2019 e xuño de 2020.

Ferreiro declarou que “un ano máis poñemos a disposición da comunidade educativa, neste caso do IES As Telleiras, os recursos do concello co Centro Municipal de Formación Irmáns Froilaz facilitando que o alumnado faga as súas prácticas en taller, complementarias á súa formación lectiva no IES As Telleiras, o cal é unha grande satisfacción”