Narón, 19 de outubro de 2022. A Biblioteca municipal continúa esta semana, ata o vindeiro venres, desenvolvendo a actividade “Trocolibro”.
A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, recordou que todas as persoas interesadas en recoller ou deixar, de balde, algún libro no centro poden facelo no horario de apertura. Nunha mesa instalada para a ocasión na planta baixa, ao igual que en anteriores edicións, hai unha escolma de libros que non se incorporaron aos fondos bibliotecarios e que se destinaron a esta proposta.
Taibo indicou que cada persoa pode levar ou deixar un máximo de dous libros diarios, podendo participar nas ocasións que estimen oportunas ao longo desta semana. O “Trocolibro” iniciouse o pasado luns e forma parte dos actos programados con motivo do Día Internacional da Biblioteca, que se conmemorará este sábado, día 22, na Praza de Galicia.
Así mesmo, mañá -18.00 horas- e o venres -11.00 horas- haberá visitas guiadas á Biblioteca municipal, dirixidas a persoas de todas as idades. As persoas interesadas en asistir poden anotarse de xeito presencial ou chamando ao centro, ao número 981 382 173. Nos percorridos os asistentes coñecerán as diferentes estancias e servizos que se prestan nas instalacións.