NOVAS

A Biblioteca inicia unha campaña de recollida de contos para o Nadal que se doarán ás familias do Centro de Recursos Solidarios

Publicado o 27 de Novembro de 2019

Outra das iniciativas municipais é a recollida de xoguetes para entregar a familias a través do Centro de Recursos Solidarios.

A concelleira de Bibliotecas de Narón, Mercedes Taibo, informou sobre o inicio dunha campaña de recollida de contos para doar ao Centro de Recursos Solidarios de Narón con motivo do Nadal. Os libros poderán entregarse ata o 14 de decembro na Biblioteca central do Alto –de luns a venres de 9.30 a 13.30 de 16.00 a 21.00 horas e os sábados de 10.00 a 13.00- e nas Axencias de Lectura municipais da Gándara –de luns a venres de 17.00 a 19.00 horas- e da Solaina –de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas-.

Os libros infantís deben estar en bo estado de conservación, tal e como recalcou Taibo, e o propio persoal da Biblioteca encargarase de clasificalos por idades para entregalos ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, dende onde se entregarán ás familias con escasos recursos. Como se darán a modo de agasallo, dende a Biblioteca tamén se organizou un obradoiro de empaquetado creativo, dirixido a persoas maiores de 16 anos e que poderán participar no proceso de envolver eses contos. O obradoiro terá lugar o martes 17 de decembro, de 18.00 a 20.00 horas, un período no que a entrada e saída das persoas que colaboren (non é preciso inscribirse previamente) será libre, podendo adaptarse así o horario a cada persoa que desexe colaborar.

Así mesmo, dende o Concello continúa en marcha a campaña de doazón de bicicletas (tamén estáticas) e patinetes de segunda man, que se poden entregar ata o 18 de decembro no Concello –na Oficina de Educación Viaria, na planta de acceso- e nos centros educativos da cidade. As bicicletas e os patinetes doados entregaranse tamén ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.

Outra das iniciativas municipais é a recollida de xoguetes para entregar a familias a través do Centro de Recursos Solidarios. Ata o día 20 de decembro poderanse entregar na Biblioteca municipal, nas escolas infantís municipais da Solaina, A Gándara e Piñeiros, nos centros de ensino de Narón, na Academia September, en Calzados Mara, no Centro Comercial Narón, no parque infantil Burbujas e no propio Centro de Recursos Solidarios. Neste caso, as familias que queiran solicitar eses xoguetes deben facelo a través dunha instancia no Rexistro do Concello (ata o 20 de decembro) adxuntando a documentación requerida, para poder recollelos o 4 de xaneiro no CRS de Narón. Para seleccionar e envolver os xoguetes pódese colaborar tamén co Centro de Recursos Solidarios, debendo contactar co persoal a través do correo: crsnaron@gmail.com ou dos números de teléfono: 634 555 663881 308 349 ou 722 724 782.