Aventureiros e aventureiras! Xa está aberto prazo de solicitude de prazas para participar no programa Campaña de Verán 2013.
Que é esto? Campamentos!! Albergues!! Actividades!! As actividades que se van desenvolver nestes campamentos teñen un claro compoñente educativo, de corte informal, destinado a nós, á xente nova! Poderemos participar en diferentes actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que nos van divertir ao tempo que aprendemos. Imos coñecer xente e diferentes lugares, pero non só de Galicia, eh! Ollo, que tamén hai actividades noutras comunidades autónomas!
Haberá diferentes quendas para cada actividade, que van durar entre unha semana e quince días, nos meses de xullo e agosto.
Deixámosvos ao pé desta nova o DOG no que aparece a convocatoria, onde teredes toda a información necesaria para vos apuntar, así como o listado de actividades e anexos necesarios para facer a inscrición.
Se tedes dúbidas, podedes atopar máis información nos servizos e oficinas locais de Xuventude das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, nas oficinas e puntos de información xuvenil da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil e nas oficinas de información administrativa e atención ao cidadán. E na web: http://xuventude.net/
As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:
- Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial;
- Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil;
- Manutención en réxime de pensión completa;
- O material necesario para a actividade;
- Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividade de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso;
- Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes;
- Nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas inclúese o transporte desde Santiago de Compostela, ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela.
"Eu que teño 48 anos e estou feito un rapaz, podo participar?" Non. En canto á idade mínima e máxima desta Campaña de Verán 2013 temos a seguinte información:
- @s nacid@s no ano 1995 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
- @s nacid@s no ano 2004 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.
Imos poder facer a solicitude de praza por vía electrónica ou escrita. Se o número de solicitantes de cada actividade supera o nº de prazas, están sortearanse electrónicamente; pero se non se cubren as prazas, todos os solicitantes estarán admitidos directamente.
Se estamos admitidos teremos 15 días naturais para presentar a documentación requerida na Xefatura Territoria da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde se vai desenvolver a actividade, ou na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, no caso das actividades que se realicen fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
A documentación a presentar é a seguinte:
- Xustificación de pagamento.
- Fotocopia do DNI ou da folla correspondente do libro de familia
- Fotocopia do documento de afiliación á Seguridade Social ou seguro médico privado.
- Cuestionario médico sanitario
- Declaración responsable de que sabe nadar.
As actividades non serán de balde ( tedes os prezos na documentación adxunta) pero haberá descontos:
- 50% sobre os prezos para os membros de familia numerosa
- 25% ás persoas usuarias de Carné Xove
A pasalo ben!!