NOVAS

Campaña de recollida de xoguetes para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Publicado o 07 de Decembro de 2015

O Concello puxo hai uns días en marcha unha campaña de recollida de xoguetes para o Centro de Recursos Solidarios. Ollo, estes non teñen por que ser novos, tamén valen os de segunda man!

As persoas que desexen colaborar con esta iniciativa poden facelo xa a través dalgún dos dispositivos habilitados para a recollida. Así mesmo, a edil apuntou que aquelas persoas que queiran solicitar algún xoguete de cara á chegada da tempada do Nadal poden facelo ata o vindeiro 18 de decembrocubrindo unha solicitude no Servizo Sociocomunitario Municipal, que se entregará cunha fotocopia do D.N.I. do solicitante.

As persoas que colaboren nesta campaña poderán entregar os xoguetes ata o vindeiro 10 de decembro nos centros educativos de Narón e nas Escolas Infantís Municipais, na Biblioteca Municipal do Alto –de luns a venres de 09.30 a 13.30 e desde as 16.00 ata as 21.00 e os sábados de 10.00 a 13.00- e na academia September, en Xuvia (estrada de Castela, 833-baixo dereita).

Así mesmo, tamén se recollerán no Centro Cívico Social do Alto, ata o 19 de decembro, nun festival solidario de Fojeteiros que se celebrará tamén o 19 de decembro na praza de Galicia, e na propia nave do Centro de Recursos Solidarios de Narón, (Polígono das Lagoas: Camiño do Toraldo. Nave nº 3), neste último caso os martes e xoves de 09.00 a 12.30 e os mércores de 17.00 a 19.30 horas.

O persoal do Centro de Recursos Solidarios de Narón encargarase de recoller os xoguetes nos dispositivos habilitados fóra das instalacións das Lagoas e tamén de entregalos aos adxudicatarios o 30 de decembro, de 16.00 a 20.00 horas na nave do citado centro.

A concelleira de Acción Social indicou que as persoas que queiran colaborar na campaña de clasificación, recollida e organización de xoguetes para o Centro de Recursos Solidarios de Narón deberán presentar unha solicitude que podedes descargar ao pé deste artigo. A campaña remata a finais deste mes de decembro.

Así mesmo, Catalina García, animou á veciñanza a sumarse a esta iniciativa solidaria “pensada para as familias con escasos recursos económicos e co obxectivo de que os nenos e nenas non queden sen agasallos nunha data tan sinalada na infancia como é o día de Reis”.

Queres participar como voluntario/a nesta campaña? Todas as persoas que queiran colaborar ou outras que se organicen para o Centro de Recursos Solidarios, teñen que cumprimentar a ficha que achegamos nesta mesma nova.