NOVAS

As clases do “I Campus Tecnolóxico NarónTech” iniciáronse onte na Aula Cemit de Xuvia

Publicado o 22 de Decembro de 2015

Os trinta rapaces e rapazas que obtiveron praza no “I Campus Tecnolóxico Naróntech” comezaron hoxe as clases na Aula Cemit de Xuvia, localizada no antigo Concello

 Ata alí se desprazou onte a edil de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, que saudou aos participantes nesta actividade que se desenvolve por primeira vez na localidade.

A edil explicou que esta iniciativa supón ás arcas locais un desembolso de 2.940 euros -98 euros por participante- financiados íntegramente nesta ocasión polo Concello ao tratarse dun programa piloto.

As clases iniciadas onte, continuarán hoxe e tamén os días 23, 28, 29 e 30 de decembro, en dúas quendas en horario de maña e de tarde –entre as 10.00 e as 14.00 e de 16.00 a 20.00- en función das idades do alumnado, divididos en dous grupos os de 8 a 10 e os de 11 a 14 anos.

Trátase dunha proposta formativa diferente ás que viñamos organizando ata o momento desde o Concello. Co Campus Tecnolóxico Naróntech apostamos pola innovación e a actualidade, xa que os participantes terán a oportunidade de fomentar a súa creatividade en materia informática”, explicou a edil.

O alumnado desta actividade recibirá formación sobre robótica, programación de videoxogos e de Minecraft, entre outras temáticas a abordar durante as sesións deste campus.