Aumenta a familia do deporte en Narón, temos un novo club de ciclismo no Concello: Club Ciclista Beni Gym Sport.
Este club foi presentado o día 2 de xullo pola Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, e a propia directiva do club. A nova entidade naronesa foi fundada a finais do ano 2013, comezando a súa andaina aproximadamente hai un mes tempo no que xa acadou 25 membros.
Quen forma parte deste club? Como directivos:
- José Amado, presidente);
- Mario Pita, vicepresidente;
- e Juan Iglesias (tesoreiro).
Trátase de tres amigos aficionados á bicileta e un bo día decidiron formar un club aportando e compartindo os seus coñecementos profesionais arredor do mundoi da bici, no deporte en xeral e na seguridade vial.
Quéreste apuntar? Facerse soci@ ten unha cota de 30€/anuais. Se queres informarte ben, non tes máis que chamar aos teléfonos 981 390 682 ou 686 531 267, ou acudir ó Ximnasio Beni Gym Sport (sede do club).
Cal é a finalidade desta entidade? Organizar eventos deportivos relacionados directamente co mundo da bicicleta, asesorar a ciclistas e ofrecer educación vial a nenos/as e adultos. Para iso teñen previsto organizar grupos de ciclistas para realizar actividades deportivas en bicicletas, non relacionadas coa competición. E a nivel deportivo, preparar individualmente a ciclistas para probas de competición.
Con que equipo contan?
- No club Beni Gym Sport contan cun asesor para calquera tipo de dúbida legal sobre o uso da bici en vías públicas. Lembrade: coa nova Lei de Tráfico, a bicicleta deixou de ser un ciclo e pasa a ser un vehículo, polo que cando actuemos como ciclistas teremos que cumprir as normas de tráfico coma se de condutores se tratase.
- Teñen tamén un preparador físico, especializado en métodos de adestramento así como dietética e nutrición.
- Todo isto se complementa cun especialista en bicicletas, accesorios e utilización da mesma.
No Club Ciclista Beni Gym xa teñen moitos plans, tendo previsto organizar entre outras:
- Ruta BTT en Narón
- Marcha Ciclista pola estrada en Narón
- Probas deportivas de ciclo cross
- Mini BTT para os máis pequenos
- Marcha nocturna
- Proba de resistencia en circuito pechado de 12 ou 24 horas
Outras actividades que tamén organizará o novo club ciclista son:
- Rutas en bicicleta para toda a familia
- Acompañamento en saídas escolares
- Marchas ciclistas
- Obradoiros de reparación de bicicletas e campus de ciclismo dirixidos a escolares
A Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, deu a benvida “a unha entidade deportiva máis no noso municipio” e agradeceu a colaboración que van a manter co Concello de Narón, ó tempo que se puxo á súa disposición para o que poidan precisar no seu traballo. “É unha ledicia ver como existe un texido asociativo moi dinámico na nosa cidade, con gañas de facer deporte e colaborar co Concello” concluíu a responsable de Deportes do Concello.