NOVAS

A Concellería de Formación abrirá o luns o prazo para anotarse nunha acción formativa do programa municipal Emple@tic

Publicado o 22 de Outubro de 2016

A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou a apertura, o vindeiro luns, día 24, do prazo de inscrición nunha nova acción formativa con dúas edicións, do programa municipal Emple@tic.

Alfabetización dixital: ofimática, trámites online, busca de emprego a través de internet” é o título do curso, do que haberá dúas convocatorias, de 110 horas cada unha delas, en horario de mañá e tarde.

Os destinatarios desta acción formativa son veciñas e veciños de Narón, maiores de 18 anos e desempregados. As datas de celebración previstas son do 7 de novembro ao 21 de decembro, na Aula Cemit de Xuvia. 

Nesta acción formativa abordaranse programas como o Writer, e temáticas como as follas de cálculo, trámites online, sinatura electrónica de documentos, alfabetización dixital para a busca de emprego, pasos para pedir citas previas en internet, etc.

As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo, de baldea partir do luns, de 8.30 horas a 13.30 horas, ata o 2 de novembro no Rexistro do Concello, cubrindo unha instancia xenérica dispoñible no propio Rexistro e podendo indicar a preferencia de horario de mañá ou tarde. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e unha vez que os seleccionados reciban comunicación desde o Concello da súa admisión disporán de dous días para presentar fotocopias cotexadas da tarxeta de demandante de emprego e NIF (ou similar).

A concelleira de Formación asegurou que “as accións que se convocan desde o Concello sobre alfabetización dixital e informática en xeral teñen sempre moi boa aceptación entre as veciñas e os veciños da localidade”. O feito de que neste caso concreto se reserven para persoas desempregadas “constitúe unha oportunidade para o colectivo á hora de mellorar a súa formación nunha área que hoxe en día e básica á hora de buscar un traballo”, apuntou Hermida.

A edil naronesa avanzou ademais que nos vindeiros meses, ata finais de ano, convocaranse tamén accións educativas dirixidas a nenos e nenas da localidade.

Para obter máis información sobre a acción formativa do programa municipal Emple@tic pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (ext.: 1123).