NOVAS

A Concellería de Mocidade abrirá o luns o prazo para inscribirse no Itinerario profesional de Carnicería

Publicado o 01 de Xullo de 2016

A edil de Mocidade, Natalia Hermida, anunciou a apertura, o vindeiro luns día 4 de xullo, do prazo para inscribirse no Itinerario profesional de Carnicería, impulsado desde o goberno local.

A iniciativa diríxese a un total de quince persoas desempregadas de Narón de entre 18 e 35 anos e aquelas interesadas deberán anotarse ata o 8 de xullo no Rexistro municipal (de luns a venres en horario de 8.30 a 13.00) podendo recoller a instancia no propio Concello ou descargala da páxina web do Concello –www.naron.es.

Hermida explicou que as sesión desenvolveranse entre o 21 de xullo e o 15 de novembro no Centro de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e en departamentos e empresas de carnicería.

CARACTERÍSTICAS DO ITINERARIO FORMATIVO

Este itinerario profesional ten unha duración total de 400 horas. Os participantes realizarán nese tempo un módulo específico de Atención ao público, no que incidirán na importancia da habilidade comunicativa e orientación ao cliente a nivel laboral. Haberá tamén un módulo específico de Prevención en riscos laborais e outro sobre Hixiene alimentaria.

“Con este tipo de convocatorias desde a Concellería de Mocidade apostamos por manter a liña de formación dun colectivo cunha idade específica, co fin de facilitarle as posibilidades de acceder ao mercado laboral a través dunha capacitación práctica cunha profesión, neste caso sobre carnicería", apuntou a edil.

Hermida explicou que se apostou unha vez máis por este itinerario tras as suxestións recibidas para volver a convocalo desde o Concello, un interese que coincide ademais co feito de que este tipo de demanda non a cubren actualmente na comarca outras entidades, tal e como asegurou a concelleira da área.