NOVAS

A Concellería de Mocidade promove Kedadas de Mocidade Creativa

Publicado o 23 de Decembro de 2013

Xa está en marcha a nova iniciativa da Concellería de Mocidade de Narón, dirixida pola edil Natalia Hermida. Desta volta, trátase dunha kedada-xornada de encontro da mocidade con estudos superiores (universitari@s e ciclos de FP) coa finalidade de buscar e atopar alternativas creativas.

A kedada está dividida en 3 sesións de 2 horas de duración cada unha:

  • 1ª Sesión: Foi o pasado 19 de decembro, na sala de usos múltiples do Centro Comunitario Manuela López Sequeiros, de 18:30 a 20:30 horas.
  • 2ª Sesión: Está prevista para o vindeiro xoves día 26, de 18:30 a 20:30 horas.
  • 3ª Sesión: Prevista para o sábado 28 de decembro, en horario de mañá.

 

Hai prazas disponibles, se estades interesad@s en participar nas dúas seguintes cita podedes obter máis información no Servizo Sociocomunitario Municipal,  que está no 1º andar da Casa do Concello; tamén chamando ao número 981337700, extensión 1103 ou enviando un email a omix@naron.es

Cales son os obxectivos destas Kedadas de mocidade creativa?

  • Ofertar á mocidade de Narón con estudios superiores ( Universitarios ou F.P) un espazo de asesoramento e debate para orientar e localizar alternativas reais de traballo, emancipación e información estratéxica útil para eles/as .
  • Adestrar á mocidade no manexo de técnicas útiles de análise de información, dinámica de grupo e  xestión de proxectos.
  • Canalizar as demandas da mocidade asistente cara a accións formativas ou de asesoramento para o autoemprego e a localización activa de traballo ou ingresos económicos.

 

Os contidos que se tratan nas kedadas son os seguintes:

  • Autoxestión organizada.
  • Análise e avaliación de información.
  • Selección de información útil para o emprego.
  • Clasificación de intereses persoais d@s asistentes.
  • Mapa estratéxico de organización persoal.
  • Coñecemento aplicado útil na búsqueda de emprego, ingresos económicos e información innecesaria.
  • Asesoramento e itinerarios personalizados.
  • Que proxectos  persoais e colectivos son posibles en Narón e comarca?

 

Estas kedadas están dirixidas por un equipo profesional, formado por 3 técnicos municipais universitarios expertos en mocidade. A Concellería de Mocidade, con este formato de actividade, pretende “crear alternativas reais con participación directa da mocidade como segmento de poboación con alta cualificación formativa” tal e como apuntou a súa edil, Natalia Hermida.

Esta concellería parte do dato de que na comarca existe unha alta porcentaxe de paro entre a mocidade universitaria que rompe o estereotipo (canta menos formación, máis paro).  En consecuencia, quere entrar de cheo na análise cos protagonistas sobre “cales son as chaves que permitirán chegar máis axiña ao mundo laboral e/ou económico”.

Por esta razón, esta iniciativa compleméntase coas accións que desenvolve a Concellería de Formación Laboral relacionadas coa formación en “transferencia de coñecementos”.

En definitiva, estas kedadas son un laboratorio para que a mocidade co asesoramento de expertos poidan preguntar, debatir, e traballar sobre alternativas útiles, directamente aplicables á súa vida cotiá no ámbito do emprego, da búsqueda de ingresos, sobre emancipación, participar en proxectos europeos, de lecer, etc.

Parécenos moi interesante, non si? Haberá que chamar para reservar unha praza...xa estamos tardando!