NOVAS

A Concellería de Turismo convoca a sexta edición do concurso fotográfico “Cidade de Narón”

Publicado o 26 de Outubro de 2015

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, anunciou hoxe unha nova convocatoria, a sexta, do Concurso Fotográfico “Cidade de Narón”

Queres participar? As persoas interesadas en participar deberán entregar as súas imaxes –cun pseudónimo- no rexistro do Concello ou no quinto andar, entre as 08.30 e as 13.30 horas e desde o 3 ata o 17 de novembro.

A edil naronesa explicou que as fotografías a presentar poden remontarse ata setembro do ano pasado e deberán estar relacionadas coa fotografía deportiva ou de promoción do exercicio físico relacionada co Concello, non limitándose exclusivamente os temas á competición.

  1. Nas fotografías debe recoñecerse con claridade a presenza do Concello, a través de instalacións, exteriores, equipación, logotipos ou escudos do Concello de Narón ou Cidade de Narón, tal e como se especifica nas bases do certame.
  2. Poderanse presentar ata un máximo de tres imaxes por persoa, en cor ou en branco e negro, cunha resolución mínima de 1024x768 píxels e en formato JPG, TIFF ou PNG. 
  3. O soporte deberá ser obligatoriamente dixital e cada unha debe levar un título como nome de arquivo. 

Sobre os premios? O Concello repartirá un total de 1.200 euros en premios. O autor ou autora da fotografía que obteña o primeiro premio recibirá 750 euros; o segundo galardón será de 300 euros e o terceiro de 150.

As persoas interesadas en participar poden consultar as bases completas deste concurso na páxina web da Concellería de Turismo –www.turnaron.es- ou na do Concello –www.naron.es- e tamén poden chamar ao número de teléfono 981 33 77 00 (ext.1517). O fallo do xurado farase público unha vez transcurran trinta días naturais desde o inicio do prazo de presentación das fotografías.

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, destacou o éxito que ano tras ano ten esta convocatoria, recordando que cada unha delas se reserva a un tema diferente. A edil anima a todos os interesados a participar nesta iniciativa, “coa que pretendemos difundir unha das áreas da política municipal, nesta ocasión a deportiva, un campo no que Narón ten unha gran diversidade tanto de instalacións como de usuarios das mesmas”.

Descarga aquí as bases do VI Concurso Fotográfico "Cidade de Narón"