NOVAS

Convócanse axudas para o inicio de estudos universitarios no curso 2016/2017 nas universidades de Galicia

Publicado o 05 de Outubro de 2016

As axudas están destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula universitaria dos alumnos e alumnas que inicien estudos neste periodo conducentes á obtención dun título oficial de grao.

Requisitos dos/das solicitantes:

  • Acreditar unha cualificación nas probas de acceso á universidade (PAU) ou noutras ensinanzas que lle permita o acceso cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos, excluíndo a fase específica.
  • Posuír a nacionalidade española, ou doutro país da Unión Europea ou de países terceiros, cando se acredite a condición de residente en España. Quedan excluídos os que se atopen en situación de estadía.
  • Estar matriculado por primeira vez en primeiro curso nunha universidade do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2016/17, dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes á obtención dun título oficial de grao.
  • Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os cales solicita a axuda.
  • Non estar incluídos/as nos casos de exención total de matrícula previstos no artigo 11 do Decreto 80/2016, do 23 de xuño (DOG nº 131, do 12 de xullo), polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2016/17.
  • Que a renda da unidade familiar non supere os limiares fixados nesta orde.

 

Coantía da axuda:

A dotación asignada a cada beneficiario/a será a do importe total da matrícula, incluídas as taxas de apertura de expediente e a expedición e o mantemento de tarxeta de identidade, e será dun máximo:

  • De 862,90 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura e grao en Belas Artes.
  • De 618,10 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.

No enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es poderedes facer as consultas relacionadas coa presente convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Podedes descargar a orde publicada no DOGA no seguinte enlace.