NOVAS

Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto: o CPI do Feal e o Concello acollen varios actos

Publicado o 24 de Xaneiro de 2017

No colexio do Feal permanecen expostas unhas corenta fotografías sobre “Galegos en Mauthausen”, que forman parte dunha mostra que se instalou a pasada semana e que o alumnado e profesorado do centro poderá ver ata finais deste mes.

Esta actividade enmárcase na programación deseñada polo Concello e a Asociación Memoria Histórica Democrática con motivo do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, xornada convocada cada 27 de xaneiro desde o ano 1945, coincidindo co aniversario la liberación do campo de concentración de Auschwitz, nos territorios ocupados durante a Segunda Guerra Mundial, por parte do exército Vermello.

Será precisamente o vindeiro venres, día 27, cando se celebre no Concello unha ceremonia que consisitirá no acendido de seis velas sobre unha mesa. Con elas recordarase aos xudeus, nenos e persoas de etnias consideradas inferiores (xitanos, eslavos, discapacitados…) e republicanos españois asasinados en Mauthausen e tamén en lembranza daquelas persoas que lograron salvarse e das que axudaron a salvar vidas. O acto comezará ás 10.00 horas e no mesmo participarán representantes da corporación local, da Asociación Memoria Histórica Democrática e medio centenar de alumnas e alumnos de terceiro e cuarto curso de ESO do CPI do Feal que nos últimos días realizan nas aulas traballos relacionados coa época da Segunda Guerra Mundial.