NOVAS

"Encontro para afeccionad@s á informática e aos videoxogos retro”: sábado 14 de novembro na Biblio

Publicado o 12 de Novembro de 2015

A Biblioteca Municipal acollerá este sábado, día 14, un “Encontro para afeccionad@s á informática e aos videoxogos retro” organizado por RetroNarón.

A cita, que inclúe unha exposición de equipos informáticos, terá lugar no baixo das citadas instalacións municipais (con acceso desde a rúa San Andrés) e desenvolverase pola tarde, entre as 15.00 e as 21.00 horas. O evento conta coa colaboración do Concello de Narón.

No citado encontro poderanse ver equipos dos anos 80 e 90, e haberá modelos en exposición e outros para probas, para que as persoas que o desexen poidan xogar con eles e probar distintos programas, rememorando así as “novas tecnoloxías” de hai algo máis de tres décadas.

Entre os modelos da exposición figurarán odenadores clásicos como os MSX, Commodore, Spectrum, Amstrad; e tamén consolas doutras xeracións Sega, Nintendo, NEC, SNK, tal e como apuntaron desde a Agrupación RetroNarón.

Vémonos na Biblio!