NOVAS

Entrega de diplomas de programas de Accións Formativas para Desempregados

Publicado o 26 de Xullo de 2016

A concelleira de Formación, Natalia Hermida, entregouo pasado venres 22 de xullo os diplomas de tres cursos do programa de Accións Formativas para Desempregados (AFD)

subvencionados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e que remataron o pasado ano. Recibiron os seus diplomas un total de corenta e dúas persoas –das corenta e cinco matriculadas-, aínda que non puideron acudir todas á convocatoria de hoxe debido a que unha gran maioría do alumnado xa está traballando. Foi precisamente o feito de acadar ese obxectivo un dos apartados máis valorados pola concelleira de Formación, que destacou que “algo máis dunha vintena de persoas están traballando na actualidade grazas á realización destes tres cursos”. As modalidades impartidas foron: “Atención sociosanitaria a persoas no domicilio” (628 horas); “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” (478 horas) e “Montaxe de mobles e elementos de carpintería” (478 horas).

Hermida felicitou ás persoas que remataron a totalidade dos módulos pola súa “motivación” á hora de continuar o camiño da formación para ampliar as súas posibilidades de acceder a un posto de traballo. Así mesmo, destacou a labor do Concello en materia formativa, neste caso en colaboración coa administración autonómica, e tamén do persoal do Concello que realiza as pertinentes xestións para poder convocalos e das empresas que colaboran para impartir os módulos prácticos. Son precisamente estas empresas, subliñou Hermida, “as que actualmente teñen entre o seu plantel a algúns alumnos e alumnas destes tres cursos, polo que desde o Concello agradecemos a súa colaboración”. Os cursos de Atención sociosanitaria, tanto en institucións como no domicilio, foron os que rexistraron un nivel máis elevado de inserción laboral, indicou Hermida.

A edil de Formación recordou aos asistentes que no caso de ter rematados todos os módulos poden solicitar –a maioría xa o fixeron- un certificado de profesionalidade, que se lles remite desde a administración autonómica. O alumnado dos tres cursos seleccionouse desde o Concello a través dos listados facilitados desde a Oficina de Emprego, ao tratarse de cursos AFD.