NOVAS

A Escola de Música Moderna de Narón organiza unha clase maxistral de guitarra a cargo de Cabe García

Publicado o 20 de Marzo de 2023

A Aula de Ensaio da Casa da Mocidade acollerá o vindeiro 29 de marzo unha clase maxistral de guitarra a cargo de Cabe García, un recoñecido músico da comarca e cunha dilatada experiencia profesional. 

Así o anunciou o concelleiro de Mocidade, Pablo Mauriz, que explicou que haberá un total de 20 prazas e terán preferencia á hora de asistir as alumnas e alumnos da Escola de Música Moderna de Narón e as persoas empadroadas na cidade, estando pensada para persoas de entre 12 e 45 anos. 

A finalidade desta clase maxistral é “enriquecer e mellorar as aprendizaxes do alumnado que asiste á escola”. Con ese fin, as persoas participantes coñecerán a peculiar forma de tocar a guitarra de Cabe García e tamén algúns dos trucos que utiliza habitualmente para sacarlle o mellor son. O guitarrista realizará un percorrido polas súas influencias de variados estilos como o blues, o country, o swing e o rock e falará sobre a técnica Fingerpicking.

A clase impartirase entre as 18.00 e as 20.00 horas e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo polas tardes –de 16.00 a 20.00 horas- cubrindo unha das solicitudes que estarán dispoñibles a partir de mañá na Casa da Mocidade. O prazo de inscrición rematará o 27 de marzo. 
Mauriz animou ás veciñas e veciños aos que se dirixe esta iniciativa a inscribirse na mesma, de balde, “co fin de coñecer de primeira man o traballo dun profesional da guitarra como Cabe García e tamén de ter a oportunidade de intercambiar con el experiencias e impresións sobre a guitarra en particular e a música en xeral”.