NOVAS

España - Exipto de fútbol sala: máis de 200 entradas vendidas nesta mañá

Publicado o 26 de Xullo de 2016

Xa tes as túas entradas?

As entradas para o partido das seleccións nacionais de fútbol sala de España e Exipto puxéronse á venta esta mesma mañá. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Román Romero, que recordou que teñen un prezo de de dez euros para maiores de 12 anos e de cinco euros para o resto.

Onde podo conseguir algunha? As entradas poden adquirirse de xeito anticipado ata o vindeiro venres, día 29, en horario de 10.00 a 13.00 nas oficinas do Cidade de Narón FS (pavillón polideportivo da Gándara) e na delegación ferrolá da Federación Galega de Fútbol (na rúa Venezuela, en Ferrol). A venta tamén se realizará o día do partido a partir das 19.30 horas, ata completar o aforo, de mil persoas. Ao longo desta mañá vendéronse algo máis de duascentas entradas, tal e como indicaron desde o Club Cidade de Narón.

Cando é o partido? O partido terá lugar este venres, día 29, nas instalacións do pavillón polideportivo da Gándara, ás 21.30 horas, media hora máis tarde do previsto inicialmente.

A Real Federación Española de Fútbol e a Federación Galega de Fútbol organizan este evento, que conta coa colaboración do Padroado de Deportes do Concello de Narón. O partido será un dos dous amistosos que se programaron na comunidade galega con motivo dos preparatorios da selección nacional de fútbol sala de cara ao Mundial de Colombia, que terá lugar do 10 de setembro ao 1 de outubro.