A segunda edición da Feira de Captación do Talento organizada polo Concello reunirá no pavillón Campo da Serra a preto dunha trintena de empresas, entidades e institutos da zona.
A concelleira de Feiras, Natalia Hermida, recordou que se trata dun evento con entrada de balde e que se poderá visitar en horario de mañá e tarde este venres e sábado, días 28 e 29, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.
A edil naronesa explicou que durante estes dous días se sucederán varias charlas, a cargo de representantes das empresas e entidades participantes. Así mesmo, haberá tres ponencias principais: o venres 26 ás 12.30 horas dará comezo a do expiloto de automovilismo Jaime Alguersuari, que falará sobre retos e traballo en equipo; e o sábado 29 serán as do empresario e licenciado en Ciencias Económicas Emilio Duró, ás 12.30 e a vicereitora de estudantes e inclusión na UNED Ana Lisbona, ás 17.30, que falarán sobre a actitude ante os problemas.
O venres ás 11.00 abrirá as súas portas ao público a Feira de Captación do Talento, un espazo concebido para que os participantes poidan informar sobre ofertas de traballo, a actualidade do mercado laboral, diversificación… Navantia, a Armada, a Universidade da Coruña, Agroflor, a Confraría de Barallobre e Cofer estarán presentes na xornada, que pola mañá pechará ás 13.30 e reabrirá pola tarde ás 16.00 horas.
O sábado ás 11.00 horas poderase visitar de novo a feira ata as 14.00 horas pola mañá e de 16 a 19.30 pola tarde. Sucederanse nesta xornada as intervencións de representantes da Asociación Jóvenes Empresarios, ElectroRayma, Academia Postal, Asociación de Empresarios Ferrolterra, Mulleres Ártabras, J. Rilo e a Asociación de Comerciantes de Narón.
Hermida animou á cidadanía a acudir a esta nova Feira de Captación do Talento, unha oportunidade única para coñecer o traballo de diferentes empresas e entidades reunidas nun mesmo espazo.