NOVAS

Festas de Nadal 2014: Xa están aquí!

Publicado o 18 de Decembro de 2014

Festaaaaaa! Do 20 de decembro ata o 5 de xaneiro en Narón estamos en festas. Para celebralo, como todos os anos, hai un montón de ectividades coas que poderemos aproveitar o noso tempo de lecer.

Este sábado día 20 temos a 6ª Xornada Moteira Solidaria, o 4º Concurso de Debuxo e a 1ª Rota Ciclista de Nadal...en que imos participar? Estes son os horarios, sacade as axendas:

 

  • Ás 16:00 horas comezará a Ruta Moteira con saída dende a Praza de Galicia, pasando por diferentes zonas do Concello (recolleranse xoguetes e alimentos non perecedeiros que serán entregados ás persoas e familias máis necesitadas).
  • Ás 16:30 horas se celebra a Marcha Ciclista Familiar, que sairá da Praza de Galicia e percorrerá a Estrada de Castela ata o apeadeiro de FEVE en Xuvia. Neste lugar os moteiros e ciclistas recibirán a Papa Noel e o acompañarán ata a Praza de Galicia.
  • Ás 17:30 horas terá lugar a recepción de Papa Noel a cargo das autoridades municipais, e a partir desa hora os nenos/as poderán sacar fotos con el, e disfrutar de xogos infantís, agasallos e entrega de premios do IV Concurso de Debuxo Nadal 2014.

 

Todas estas actividades estarán amenizadas na Praza de Galicia polos DJ’S Dreamers. Tamén haberá bailes latinos a cargo de "Salsa Nova" e unha sesión de spinning organizada polo ximnasio Benny Gym.

Por se vai moito frío... haberá café e chocolate e recuperar as calorías queimadas! ;)

Esta xornada está organizada polo Motoclub Fojeteiros e cóntase coa colaboración das concellerías de Turismo e Festas, a Policía Local de Narón, Emerxencias Narón e o Centro de Recursos Solidarios (CRS).

O domingo 21 de decembro, celebrarase o V Mercado de 2ª Man de Sedes, en horario de mañá e tarde, e con entrada de balde. Neste espazo, ó igual que en edicións anteriores, poderanse mercar todo tipo de obxectos para a casa, xoguetes e roupa en bo estado a prezos máis que asequibles. De xeito complementario, ofrecerase unha degustación de callos picantes a tódolos asistentes, que tamén poderán disfrutar visitando unha exposición de radios antigas.

Unha vez pasada a Noiteboa, o venres 26 de decembro volverán as actividades lúdicas á Praza de Galicia co Festival Solidario contra a Polio "Roteiros de Narón", organizado polo Club de Rotarios de Narón. A súa representante, Luz Gen, explicou que actualmente só existen tres países no mundo nos que se padece a polio, e o obxectivo de iniciativas coma ésta é a erradicación total da enfermidade.

No Festival Solidario actuarán tres grupos musicais: Los Zares, Los Truenos e Parranda La Nuestra. A cita comenzará ás 21:00 horas, e as entradas poderanse mercar ó prezo de 5€ na taquilla que se instalará ese día na Praza de Galicia, ou ben nos centros comerciais de Narón.

A continuación, o sábado 27 de decembro no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros terá lugar o Festival de Cantigas Populares, no que intervirán diferentes corais e tamén usuarios do propio centro, que están a preparar este evento con enorme ilusión. A entrada é gratuita.

Como tódolos anos, o día 31 de decembro celebrarase a tradicional Festa de Fin de Ano na Praza de Galicia, baixo carpa climatizada e con entrada de balde. Está prevista a actuación da Orquestra Aché, DJ Donper e Imperium Road Show.

E para celebrar a chegada dos Reis Magos, tamén na Praza de Galicia haberá un Festival de Reis os días 3 e 4 de xaneiro, con actividades para os máis pequenos da casa. 

Chegou? Nooooooon, aínda temos máis!

Xa o día 5 de xaneiro, ó igual que o ano pasado, as Súas Maxestades de Oriente chegarán a Narón nunha Cabalgata Solidaria que conta coa participación de asociacións de veciños dos barrios e parroquias do municipio, e cuxos beneficios irán destinados ó Centro de Recursos Solidarios. 

As entidades e veciños/as interesados en participar poderán informarse nos teléfonos 699 308 647 e 628 215 716. Tamén se poden seguir os preparativos na páxina de Facebook "prazasvivas".