Tedes os disfraces listos? Estades preparados para o Entroido 2016? Xa chega!
Como participar no Entroido 2016
O vindeiro luns, día 25, abrirase o prazo de inscrición para participar no Festival de Comparsas de Entroido organizado polo Padroado da Cultura, que terá lugar o vindeiro 6 de febreiro.
A vicepresidenta do Padroado e edil de Cultura, Marián Ferreiro, explicou que se poderán inscribir ata sete comparsas de Narón e tres doutras localidades e incidiu en que a selección das participantes se realizará por rigorosa orde de inscrición.
Se tedes interese en participar, debedes saber que tedes de prazo ata o 29 de xaneiro para anotarvos.
Onde?
- No Pazo da Cultura, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas.
A documentación
- É preciso entregar seis copias das letras a interpretar.
- Os datos persoais do representante da comparsa.
O percorrido
A concelleira de Cultura indicou que, a diferencia doutros anos, “nesta ocasión variouse o percorrido que realizarán as comparsas, que partirá da Praza da Constitución, na Solaina, ás cinco da tarde e cuxos integrantes irán a pé ata o Pazo da Cultura, onde ás seis comezará o propio festival”. O tramo a percorrer discurrirá pola Avenida da Solaina, a avenida de Santa Icía, a estrada de Castela e a rúa Reis Magos.
As actuacións
- No Pazo as comparsas terán un tempo máximo de dez minutos para as súas actuacións, que deben tratar obrigatoriamente sobre temas locais do Concello e empregar o galego.
- Un xurado designado polo Padroado da Cultura para a ocasión outorgará tres premios, que consistirán nunha figura do Entroido. Para a concesión dos mesmos teranse en conta factores como: a orixinalidade dos disfraces, o enxeño da crítica feita na actuación, a calidade musical e o que a representación supoña de cara á recuperación do Entroido en Galicia.
Os premios
Entre as novidades deste ano está, explicou Marián Ferreiro, o incremento das contías que percibirán tanto as comparsas de Narón como as de fóra, que subirá 100 e 50 euros, respectivamente.
“O feito de ir incrementando as axudas destinadas ás formacións responde ao firme apoio do Concello a este evento, cunha gran traxectoria na localidade”, asegurou Ferreiro. A edil agradeceu a colaboración de todas as persoas que participan nas comparsas deste certame e tamén á organización, “pola súa implicación ano tras ano, que é imprescindible para que o Concello poida seguir gozando tanto dos desfiles por rúas da zona urbana como das orixinais interpretacións que se suceden durante o Festival de Entroido e as que a maiores realizan algunhas destas formacións durante a tempada de Entroido en diferentes locais deste e doutros municipios da zona”.
O Padroado da Cultura asigna unha axuda económica a todas as comparsas, recibindo as de Narón 600 euros e as de fóra ou convidadas 300 euros cada unha.
A animación da hostalaría local tamén ten premio!
As agrupacións locais que participen no programa de dinamización da hostalería e do comercio durante o Entroido percibirán unha aportación económica a maiores de 100 euros por día de participación, ata un máximo de 200 euros. Os días 4 e 6 de febreiro as comparsas amenizarán as rúas da localidade, interpretando os seus temas nos diferentes establecementos de hostalería e comerciais e tamén haberá actuacións nos locais sociais, para así fomentar os actos de Entroido nas diferentes parroquias naronesas.
En canto ao Festival de Entroido, a vicepresidenta do Padroado de Cultura subliñou o feito de que “son moitas as comparsas que cada ano se interesan por participar neste evento e a todas e cada unha delas quero agradecer especialmente o seu interese”.