NOVAS

Festival de Comparsas Entroido 2016: sábado 6 de febreiro!

Publicado o 01 de Febreiro de 2016

Temos unha cita con Entroido 2016 no Pazo da Cultura o vindeiro sábado día 6! Xa sabedes que se celebra o Festival de Comparsas organizado polo Padroado de Cultura.

En total, participan 10 comparsas, 6 delas do noso municipio e 4 de concellos da bisbarra. A festa comezará ás 17:00 horas cunha concentración das diferentes formacións na Praza da Constitución, no barrio da Solaina.

Despois, as comparsas irán polas seguintes rúas do noso concello:

  • Rúas da Solaina
  • Avenida Santa Icía
  • Estrada de Castela
  • e Reis Magos.

Ás 18:00 horas comezará o Festival de Comparsas no Pazo da Cultura.

Como representantes locais estarán as seguintes comparsas:

  • Troupele, da Gándara; 
  • Argalleiros, da Gándara; 
  • Os Colludos, do Alto do Castiñeiro; 
  • Semente de Trasancos, de San Mateo de Trasancos; 
  • Os Parrandolos, de Piñeiros 
  • e Os nenos de Lola, da Solaina. 

Como representantes doutros concellos estarán:

  • A Revolta, de Ferrol; 
  • Os Trastos, de Valdoviño; 
  • A Canteira, de Neda 
  • e Xente de aquí e de acolá, de Pontedeume. 

As actuacións que se sucederán no Pazo terán unha duración máxima de dez minutos por comparsa e tratarán temas relacionados coa localidade. As tres mellor clasificadas recibirán como premio unha figura de Entroido

No que respecta ao apartado económico, as agrupacións de Narón recibirán 600 euros en concepto de axuda, e as doutros concellos 300.

A maiores destas contías, aquelas que participen no programa de dinamización do Entroido programado nos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade os días 4 e 6 de febreiro, recibirán 100 euros por día, ata un máximo de 200.

A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, agradeceu a participación de todas estas agrupacións, “que un ano máis farán posible que a veciñanza poida gozar dos actos programados desde o Concello para estas datas con motivo do Entroido” e animou aos naroneses e naronesas a acudir ao tradicional Festival de Comparsas no Pazo.