NOVAS

GALEUROPA 2014

Publicado o 03 de Marzo de 2014

Queres facer prácticas formativas non remuneradas en empresas de calquera estado ou país do mundo, durante 8 semanas? Pois hai ata 300 prazas!

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é a encargada de convocar estas axudas. A finalidade deste programa é apoiar a formación da mocidade galega mediante a mellora da súa empregabilidade, favorecendo a adquisición de novos coñecementos, habilidades, capacidades e cualificacións para facilitar a súa inclusión no mercado de traballo, de xeito que poidan constatar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do currículo.

Con estas mobilidades se intenta dotar á comunidade de profesionais con coñecementos non só das habilidades propiamente da súa titulación senón tamén que coñezan o funcionamento do mundo empresarial internacional e á súa vez con dominio de idiomas estranxeiros.

Ademais búscase que os mozos e mozas galegas alcancen e asimilen unha visión internacional a nivel persoal e profesional que contribuirá á mellora da súa vida persoal e profesional á vez que se dota de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial galego.

Interésache? Estes son os requisitos:

  • Ser galeg@ e estar empadroado/a en calquera concello de Galicia.
  • Ter entre 18 e 30 anos ao remate do prazo de presentación de solicitudes.
  • Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións,ou estar en condicións de obtela no momento de presentar a solicitude:

Título de Técnico/a ou Técnico/a Superior (grao medio ou superior) de Formación Profesional, de Ensinanzas Profesionais de Artes plásticas e Deseño ou de Ensinanzas Deportivas.

Título universitario de grao ou equivalente (licenciado/a, arquitecto/a ou enxeñeiro/a e diplomado/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a) ou titulacións equivalentes das Ensinanzas Artísticas Superiores.

  • Que esta titulación sexa dos cinco últimos anos e estea acreditada por calquera centro público ou privado de Galicia.
  • Coñecer a lingua do país de destino elixido na solicitude.

As prácticas duran 8 semanas consecutivas, tendo de prazo para facelas dende o día seguinte a publicación do listado de persoas beneficiarias ata o 30 de outubro de 2014.

Para cursar as solicitudes? Podedes facelo a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, dirixidas á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, vía electrónica ou por rexistro

O prazo de inscrición comeza o sábado 1 de marzo e remata o venres 28 de marzo de 2014. A contía da axuda vai depender do país onde se realicen as prácticas e cubrirán os seguintes gastos:

  • Gastos de manutención, aloxamento e materiais de primeira necesidade: farmacéuticos, de hixiene persoal e da vivenda.
  •  Gastos de viaxe e transporte.
  • Os gastos derivados de operacións bancarias necesarias para o pagamento das facturas.
  • Seguros médicos ou de responsabilidade civil cando sexan imprescindibles e gastos da entidade intermediaria para a busca de empresa cando se faga uso dela.

Para máis información podedes tamén consultar o DOG: www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140228/AnuncioCA05-210214-0001_gl.pdf