NOVAS

I Carreira-Andaina solidaria pola saúde mental

Publicado o 13 de Outubro de 2016

Organizada pola Asociación de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos (Afaes) coa colaboración do Concello de Narón e outras entidades e empresas, celebrarase este domingo día 16, no paseo marítimo de Xuvia a “I Carreira-Andaina solidaria pola saúde mental”

A convocatoria organizouse con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemorou o día 10 de outubro, baixo o lema “Son coma ti, pese a que aínda non o saibas”.

Presentaron o evento os edís de Deportes e Seguridade Cidadá, Román Romero e Guillermo Sánchez Fojo, acompañados por Sara Pérez, terapeuta ocupacional da asociación e Antía Pereira, mestra de taller en Afaes.

A día de hoxe, contase con máis de 350 persoas anotadas, en total, na carreira e na andaina, tal e como indicou o concelleiro de Deportes, que recordou que os interesados podedevos inscribir aínda ata o vindeiro xoves, día 13, ás 23:59 horas, na web: www.carreirasgalegas.com.

Haberá 2 saídas:

  •  As 11:00 horas para os nenos e nenas (nacidos despois do ano 2002), que non terán que pagar cuota de inscrición, por un percorrido deseñado especificamente para eles.
  •  Os adultos comezarán ás 12:10 horas tanto na carreira como na andaina, por tramos de 5 e 3,5 quilometros respectivamente e debendo pagar de cuota 6€ para a carreira e 4€ no caso da andaina.

Os dorsais entregaranse o sábado día 15 nas instalacións de Decathlon, en horario de 10:00 a 21:00 e tamén o propio día da carreira ata media hora antes de iniciarse nas inmediacións do tramo.

As persoas inscritas na carreira absoluta recibirán como agasallo unha camiseta e tanto os adultos como os rapaces e rapazas participarán no sorteo de varios agasallos.

As persoas que queiran aportar un donativo e non poidan acudir a esta “I Carreira-Andaina solidaria pola saúde mental” poderán colaborar a través do “Dorsal 0” na web: www.carreirasgalegas.com.

Contárase por primeira vez coa participación do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Narón (Speis), cuxo persoal do Grupo de Intervención Rápida en Bicicleta do Speis Narón, realizará o percorrido da carreira e da andaina con dúas bicicletas equipadas con DESA (desfibriladores semiautomáticos) e botiquíns de primeiros auxilios, colaborando con persoal médico no caso de rexistrarse algunha incidencia para axilizar unha atención máis rápida.

Dende aquí, queremos animarvos a participar neste evento deportivo, cun marcado carácter solidario.