NOVAS

III Xornadas Solidarias Mari Carmen Caballero: O Cidade de Narón e O Parrulo Ferrol xogarán este sábado un partido solidario

Publicado o 03 de Xaneiro de 2017

Esta cita que xa é unha tradición máis no noso Nadal enmárcase na terceira edición das “Xornadas Solidarias Mari Carmen Caballero” e dará comezo ás 18:00 horas no pavillón polideportivo da Gándara.

Este sábado 7 temos unha nova cita solidaria que ademais será seguramente moi emocionante: un derbi da Segunda División da Liga Nacional de Fútbol Sala entre o Cidade de Narón e o Parrulo de Ferrol.

Esta cita que xa é unha tradición máis no noso Nadal enmárcase na terceira edición das “Xornadas Solidarias Mari Carmen Caballero e dará comezo ás 18:00 horas no pavillón polideportivo da Gándara.

Queres asistir? Podes recoller a túa entrada a partir dunha hora antes do inicio do partido doando un mínimo dun quilo (ou un litro) de alimentos que máis adiante se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.

Os edís de Deportes e Acción Social, Román Romero e Catalina García, respectivamente, presentaron este evento deportivo acompañados polo presidente do Cidade de Narón, Ramón Padín, e a filla de Mari Carmen Caballero, Alba Lage Caballero.

Román Romero recordou que un ano máis o Concello de Narón colabora nesta iniciativa solidaria e agradeceu a implicación do Centro de Recursos Solidarios e tamén do Parrulo Ferrol neste evento organizado polo Cidade de Narón FS. Na mesma liña se pronunciou a edil de Acción Social que animou á veciñanza a participar nestas xornadas e incidiu en que preferentemente se doe aceite de xirasol, cacao, galletas e alimentos en conserva –vexetais, carne, atún, etc.-.

Pretendemos instaurar este evento deportivo como un dos fixos nestas datas de Nadal na cidade, e sobre todo adicalo a Mari Carmen Caballero, unha muller que foi solidaria toda a súa vida, non só no fútbol sala e no atletismo, senón tamén en calquera outra actividade na que se lle pediu que colaborase”, destacou Ramón Padín. O presidente do Cidade de Narón asegurou que “o feito de que se trate de fútbol sala é a escusa para axudar ás persoas que o precisan, neste caso aos usuarios e usuarias do Centro de Recursos Solidarios de Narón, que está facendo un excelente traballo”. Padín agradeceu a colaboración do Parrulo Ferrol e avanzou que o feito de que sexan precisamente o Cidade de Narón e O Parrulo –por segundo ano consecutivo- “dalle maior atractivo ao partido, incidindo en que “en todo momento o obxectivo é de carácter solidario”.

Ollo! Hai que superar as cabtidades de produtos do ano pasado!! Sabes canto xuntamos? O pasado ano doáronse uns 1.200 quilos de alimentos nestas xornadas, que tamén se destinaron ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.

Pola súa banda, en representación da familia de Mari Carmen Caballero, a súa filla, Alba Lage Caballero, deu as grazas á organización e aos colaboradores neste evento “por lembrarse da miña nai e colaborar nesta causa solidaria, axudando a quen máis o precisa, aportando un quilo de alimentos, que para moitos non supón nada e para outros un mundo”. A filla de Mari Carmen Caballero destacou a labor solidaria do Cidade de Narón e do Parrulo, e tamén a colaboración do Concello e da veciñanza neste tipo de iniciativas. 

Lembrade! O sábado imos ao pavillón cargadiñas e cargadiños de aceite de xirasol, cacao, galletas e alimentos en conserva. Vémonos!