NOVAS

"Imaxes con fondo", ata o 10 de agosto na biblioteca do Alto

Publicado o 14 de Xullo de 2014

Temos unha nova cita na Biblioteca Municipal do Alto, desta volta trátase dunha exposición fotográfica chamada "Imaxes con Fondo", que busca promover as actitudes solidarias e respectuosas e pretende promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a imaxe.

Deseñada polo debuxante Pepe Carreiro, a exposición está conformada por 19 obras que concursaron na primeira edición do certame.

Esta mostra xurde do concurso de fotografía organizado polo Fondo Galego de Cooperación Solidaria e vai estar ata o vindeiro 10 de agosto exposta na biblioteca. O Concello é socio desta entidade que xa está organizando unha nova edición do concurso que conta con premios na categoría de adultos e na xuvenil. Deste xeito o Concello contribúe ao impulso de proxectos de desenvolvemento en países do Sur e á concienciación da cidadanía.

A mostra resultante aposta polas condutas respectuosas coa contorna e coas persoas que nela habitan. A solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, a protección ambiental, o consumismo, a prostitución, a explotación laboral, a crise alimentaria e as desigualdades Norte-Sur son algunhas das temáticas abordadas.

A segunda edición do concurso ‘Imaxes con Fondo’ permanecerá aberta ata o 15 de novembro. No apartado dirixido a persoas adultas, convídase a reflexionar arredor da repercusión das nosas prácticas sobre as poboacións do Sur. Na categoría xuvenil, búscanse fotografías que amosen actitudes solidarias na nosa contorna ou ben que denuncien a insolidariedade. Os premios son, respectivamente, unha viaxe a Nicaragua co fin de realizar un traballo fotográfico sobre os proxectos alí apoiados  e unha cámara réflex.

Que é eso do Fondo Galego? O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.