NOVAS

Iniciativa Xove

Publicado o 16 de Maio de 2022

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, convoca o programa Iniciativa Xove que consiste en axudas económicas para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2022, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas, que participarán activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.

A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.

Áreas de atención prioritaria:

a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.

b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial contra a violencia de xénero.

c) Posta en valor e promoción do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo.

d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da mocidade na súa comunidade e na súa contorna.

e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

f) Promoción de sectores emerxentes vinculados ao sector TIC.

g) Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas.

h) Promoción de actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como de posta en valor do patrimonio cultural e natural.

i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.

j) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.

Destinatarios/as:

a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil.

b) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, se é o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación.

Requisitos:

- As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

- Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Unha destas persoas asumirá o papel de representante único do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique. As persoas que o compoñan deberán de estar empadroadas nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentación da solicitude. Non poderá modificarse a composición do grupo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.

Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou pertenza a outro grupo ou asociación, de ámbito autonómico ou provincial, solicitante destas axudas.

Proxectos:

Os proxectos deberán levarse a cabo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 5.000 €.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubitado respondan á natureza do proxecto presentado, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2022.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 13 de xuño de 2022.

Solicitudes: https://sede.xunta.es co procedemento BS306B.

Máis información no DOG do 12 de maio de 2022 e en http://xuventude.xunta.es/iniciativa-xove