NOVAS

Luis Pernas: Mr Universo é de Narón

Publicado o 14 de Xullo de 2014

Novo éxito do deporte de Narón! Mr Universo 2014 é de Narón e se chama Luis Pernas.

Luis gañou os títulos de Mr Universo 2014 en talla media e Mr Universo en categoría absoluta, no Campionato do Mundo de Culturismo celebrado o 5 e 6 de xullo en Sapri, Italia.

Neste campionato participaron máis de 300 competidores de diferentes países do mundo, entre eles a Selección Española de Culturismo da que forma parte Luis, como campéon de España que é.

Luis Pernas pertence e dirixe o club naronés "Revolution Gym & Natural Sport" de Fitness, Culturismo e Artes Marciais, onde cada ano se forxan campións tanto na categoría masculina coma feminina. O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, ven de felicitar a este deportista por ter chegado ó máis altonesta competición a nivel mundial. En vindeiros días, o rexedor ofrecerá unha recepción a Luis Pernas na que se lle recoñecerán os seus méritos deportivos.

Ó conseguir dobremente o título de Mister Universo, Luis Pernas convértese nun dos poucos culturistas en acadar tal palmarés no mundo, tal e coma fixo no seu momento o polifacético Arnold Schwarzenegger.

Con esta victoria, logo de 19 anos de adestramento e 15 competindo, Luis Pernas obtén o título de maior prestixo que podería conseguir e ademáis ten invitación directa a competir no Campionato do Mundo a disputar en outubro en Roma.