NOVAS

“Luz crepuscular poco es de fiar”, hoxe charlamos no Pazo sobre Ciencia

Publicado o 13 de Novembro de 2017

Un total de 502 alumnas e alumnos de institutos de Narón e comarca acudirán hoxe, luns día 13, a unha charla sobre “Luz crepuscular poco es de fiar” que impartirá o profesor de Física Teórica da USC Javier Mas.

A iniciativa enmárcase nunha proposta de Charlas de Divulgación Científica organizadas polo Concello de Narón, a través da área de Ensino, á fronte da que está a edil Mercedes Taibo, en colaboración cos IES das Telleiras e Terra de Trasancos, de Narón, e do IES Cabo Ortegal, de Cariño. A convocatoria está programada no Pazo da Cultura e dará comezo ás 11:30 horas.

Taibo destacou o feito de que participarán nesta proposta nove institutos da comarca, dos que procederán os 502 estudantes de cuarto de ESO e primeiro e segundo curso de Bacharelato de Ciencias que presenciarán a charla xunto cunha trintena de profesores dos centros. A maiores dos dous institutos naroneses sumáronse a esta iniciativa outros de Fene, Neda, Cariño, Ferrol e Mugardos.

Javier Más falará sobre “Luz crepuscular poco es de fiar” referíndose á atmósfera e aos fenómenos ópticos que falan dos avatares que desvían os raios de luz ata chegar á nosa retina. Os efectos acentúanse no crepúsculo do sol sobre o horizonte e o profesor universitario abordará temas como os raios crepusculares e tamén os verdes, diferentes soles e horizontes, os aneis de Einstein e a sombra dun buraco negro, entre outros.

A concelleira de Ensino de Narón subliñou que con estas Charlas de divulgación científica apóstase por “animar aos estudantes a que perdan o medo ás ciencias, que se familiaricen con elas e que vexan a súa parte máis divertida e atractiva”. Taibo destacou que a finalidade das mesmas é tamén crear vocación entre a xente máis nova de Narón e comarca.