NOVAS

As Maimiñas “Unha viaxe polo mundo”

Publicado o 14 de Outubro de 2015

A Concellería de Ensino, dirixida pola edil Mercedes Taibo, organiza para esta fin de semana unha nova actividade incluída no programa “Apego”.

A convocatoria terá lugar o domingo, día 18, e consistirá nun espectáculo musical dirixido a nenos e nenas de entre 0 e 10 anos e ás súas familias.

Unha viaxe polo mundo” é o título desta proposta que correrá a cargo de As Maimiñas, a partir das seis da tarde, na praza de Galicia –en caso de mal tempo a actividade desenvolverase no auditorio municipal-. 

Queres saber máis sobre esta obra? Consulta aquí a súa web.

O espectáculo, de hora e media de duración, permitirá interactuar aos participantes, cantando, bailando e gozando dun percorrido por fermosos lugares do planeta no que predominará o humor. A concelleira de Ensino explicou que se trata dunha representación musical “divertida e pedagóxica” e recordou que non é preciso anotarse para poder asistir e que a actividade é de balde, animando á veciñanza a sumarse á mesma.

As persoas interesadas en recibir máis información poden facelo a través do número de teléfono 981 337 700 (ext.1516) ou do correo electrónico: a.pita@naron.es.

O programa “Apego” ten entre os seus obxectivos fomentar a transmisión do galego como lingua inicial. Deste proxecto forman parte os Servizos de Normalización Lingüística de varios concellos de Galicia, entre eles o de Narón.