NOVAS

Mañá comezan no pavillón do colexio da Solaina os Campionatos galegos de Tenis de Mesa 2017

Publicado o 10 de Abril de 2017

Os Campionatos galegos de Tenis de Mesa desenvolveranse do 11 ao 16 de abril no pavillón do colexio da Solaina, organizados polo Club Narón Tenis de Mesa e o Club Tenis de Mesa Cidade de Narón, co Concello de Narón e a Federación Galega de Tenis de Mesa.

No acto de presentación do evento Román Romero, concelleiro de Deportes de Narón, estivo acompañado por Fernando Montero, presidente do Club Narón Tenis de Mesa, que avanzou que están contabilizadas algo máis de 900 inscricións, se ben recalcou que o número de participantes rondará os 500, ao anotarse algúns en máis dunha proba.

A entrada ás instalacións é de balde.

O edil de Deportes e o representante do Club Tenis de Mesa Narón animaron á veciñanza a acudir a este evento deportivo, decisivo a nivel autonómico.

No pavillón do colexio da Solaina hai instaladas un total de 18 mesas de xogo para as persoas participantes, procedentes maioritariamente das provincias da Coruña e Pontevedra, pero tamén de Lugo e Ourense.

Calendario

  1. O martes día 11 e o mércores 12 disputaranse as probas correspondentes ás categorías Benxamín e Xuvenil dos campionatos Galegos de Tenis de Mesa.
  2. Os días 13 e 14 as de Alevín, Sub 23 e Sénior. 
  3. A fin de semana, o 15 e o 16, as de Infantil e Veteráns.

Horario:

  1. 9.30 a 14.00 horas
  2. 16.00 ata as 19.30 horas.

 A última hora da tarde haberá, cada día, entrega de trofeos aos mellor clasificados de cada categoría, tal e como apuntou Montero.

O presidente do Club de Tenis de Mesa Narón avanzou que a organización colocará tamén unhas mesas de xogo fóra do pavillón da Solaina para que as persoas que acudan ao evento e así o desexen poidan xogar ao tenis de mesa. “Narón é unha referencia a nivel de Galicia en tenis de mesa”, recalcou Montero, que agradeu a colaboración do Concello de Narón neste evento “e tamén no resto de actividades que organizamos desde o noso clube”.

Finalmente Román Romero destacou o traballo que realiza o Club de Tenis de Mesa Narón, con sede no Centro Cívico Social da Solaina e do que forman parte un centenar de persoas. “Trátase dunha modalidade deportiva que cada vez conta cunha maior afición tanto no noso concello como no resto da comarca, polo que é de destacar o traballo que clubes como o Narón Tenis de Mesa están realizando nesta área deportiva, e máis aínda para poder celebrar de novo na nosa cidade uns Campionatos galegos de tenis de mesa”, asegurou o edil naronés.