NOVAS

"MANfred, o alemán de Camelle" no Pazo da Cultura

Publicado o 15 de Xaneiro de 2014

"MANfred, o alemán de Camelle" é a nova exposición que vai acoller o Pazo da Cultura dende o día 16 de xaneiro ata o 30.

Sabedes quen foi Manfred? Man, como se lle coñecía popularmente foi un artista alemán (pintor e escultor) que chegou a Camelle, en Camariñas, nos anos 60 e decidiu quedar para sempre. Dende entón levou unha vida moi simple e natural, coidando do seu xardín e creando esculturas. Cando aconteceu o desastre do Prestige en novembro do 2002, o chapapote manchou as súas esculturas. Din que Man deixouse morrer da tristura... No ano 2010 un temporal arrasou co que quedaba da súa obra en Camariñas. (Fonte Wikipedia).

Esta exposición trátase dunha recopilación da súa obra artística, fotografías e textos deste artista que fixo da Costa da Morte o seu lugar de traballo e de vida. 

A inauguración oficial da exposición terá lugar hoxe 15 de xaneiro ás 19:00 horas.

A entrada é gratuita, e os horarios de visita son os seguintes:

  • De luns a venres: de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas
  • Sábados: de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas

 

Paralelamente á mostra, o mércores 29 de xaneiro terá lugar a proxección do documental “MANfred, home sen paz”, ás 20:30 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura.

Esta exposición está promovida pola asociación cultural Fuco Buxán e a Fundación Man Camelle, en colaboración co Padroado de Cultura do Concello de Narón.