NOVAS

Mercar entradas para os espectáculos do Pazo da Cultura de Narón? Dende o teu móbil e sen imprimir nada

Publicado o 18 de Agosto de 2016

Sabías que podes mercar as entradas ás actividades do Padroado da Cultura dende calquera lugar usando un dispositivo con conexión a internet?

Non sabes como? O primeiro paso é crear o teu perfil na web do Padroado. Só precisas incorporar os teus datos persoais ao formulario de inscrición. Despois de comprobar a túa identidade, mediante o proceso de verificación vía correo electrónico, e indicar un contrasinal xa poderás comezar a utilizar a billeteira. Se non tes costume de mercar online na parte esquerda do espazo do teu perfil podes consultar a Guía de usuario. Ben sinxelo!

Seguimos! O seguinte que tes que facer é botarlle unha ollada á programación de espectáculos do Padroado. Cal é que che presta máis? O teatro? Os concertos? A danza? A oferta cultural en Narón é sempre moi variada e con artistas e espectáculos de primeirísimo nivel, sen perderlle a vista á promoción e difusión dos artistas e agrupacións locais. 

Se xa tes algo escollido en mente...procedamos a mercar os billetes! Para mercar as entradas tes que acceder á ficha do espectáculo ao que queiras asistir e utilizar o botón “Comprar entradas”. Unha vez que clicas nel chega o momento de escoller a que función desexas asistir, a ubicación na que prefires acomodarte e a tarifa a aplicar.

Para escoller as túas butacas a billeteira pon á túa disposición un mapa sobre o que visualizas graficamente cales están reservadas ou ocupadas e cales libres. Desta forma poderás escoller as que más che interesan entre as dispoñibles. Xa tes unha zona favorita no Pazo?

Para rematar a compra? A web do Padroado amósache un resume da operación no que indican o sistema de pago (tarxeta bancaria ou tarxeta de abonado) e o custe total incluídos os gastos de xestión das entradas (ridículos en comparación con outros sistemas de compra online). Se confirmas que esta información é correcta, continúa adiante a operación facendo o abono do custe a través dunha pasarela segura de pago na que hai que introducir os datos dunha tarxeta bancaria.

E as entradas? Unha vez realizado o pago recibirás unha mensaxe no email indicado na inscrición. Esta mensaxe achega un arquivo en formato PDF: a túa entrada!.

Que facer coa entrada en PDF? Podes imprimila en papel, ainda que non é necesario, lembra que é importante para o medio ambiente aforrar en gastos innecesarios (está na túa man colaborar con pequenos detalles como este). A opción máis interesante é levar a entrada no teu móbil ao Pazo, e presentala directamente dende o teu dispositivo no acceso á instalación. Alí mediante un escáner de códigos QR daranche acceso á túa butaca.

Sinxelo, económico e sostible!

E os abonados? Queres ter maior comodidade aínda? Faite abonado/a do Padroado da Cultura e poderás gozar de prazos de reserva anticipada das túas entradas e dun desconto de ata un 30% nos espectáculos programados directamente polo Padroado da Cultura. Para facerte abonado tes que pasar pola taquilla do Pazo (solicita máis información aquí).

Se xa tes o teu abono, ademais de mercar as entradas ao teu prezo especial, podes recargar o teu saldo dende o portal e confirmar a reserva da túa butaca.

A que agardas! Narón é cultura!