NOVAS

Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil no Pazo da Cultura

Publicado o 11 de Novembro de 2015

Un total de 6.283 alumnos e alumnas de centros de Narón e comarca asistirán á Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil no Pazo da Cultura.

A Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil Narón 2015, organizada pola Concellería de Cultura, que dirixe a edil Marián Ferreiro, permitirá levar ao Pazo da Cultura a 6.283 alumnos e alumnas de centros de ensino de Narón e doutros concellos da comarca, que asistirán como público a algunha das vinte e dúas representacións contempladas no programa.

A iniciativa comezou o pasado 26 de outubro e rematará o 27 deste mes, tal e como recordou a concelleira naronesa.

Na xornada de onte desprazáronse desde os seus centros en autobuses ás citadas instalacións culturais un total de 742 escolares de primeiro a cuarto curso de Primaria do CEIP da Gándara, dos CPR Jorge Juan, Santiago Apóstol e O Feal e do CRA de Narón. O nenos e nenas presenciaron a obra “Jim e a illa do tesouro”, da compañía Eme 2 Emoción&Arte, que fixo dous pases pola mañá, ás 10.00 e ás 12.00 horas.

Os alumnos e alumnas de educación Infantil, de primeiro a sexto curso de Primaria, de primeiro e segundo de ESO e dos IES son as persoas destinatarias deste programa, que se desenvolve en horario  lectivo.

Desde o pasado 26 de outubro sucedéronse as actuacións das compañías Unahoramenos Producciones, coa obra “Me llamo Suleimán”; Teloncillo, que representou “La ramita de hierbabuena” e Eme 2 Emoción&Arte, coa obra “Jim e a illa do tesouro”, obra esta última que tamén se representará mañá no Pazo da Cultura. Os días 24, 25, 26 e 27 de novembro continuará a Mostra de Teatro, coa representación da peza “O país dos mandóns”, a cargo de Ghazafelhos.

O alumnado dos centros naroneses Jorge Juan, IES As Telleiras e Terra de Trasancos; dos CPR Ayala, Santiago Apóstol, O Feal e Jorge Juan, dos CEIP: Virxe do Mar, A Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros e A Gándara e do CRA, participarán este ano na Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil do Padroado da Cultura.

Ao ciclo asistirán tamén alumnos e alumnas:

  1. dos IES Catabois, colexios Mercedarias, CEIP Manuel Masdías e Santa Juana de Lestonnac, de Ferrol
  2. dos CEIP Unión Mugardesa e Santiago Apóstol, de Mugardos
  3. do CPI Xunqueira e dos CEIP O Ramo, Sillobre e Os Casais, de Fene
  4. do CEIP San Isidro, de Neda;
  5. CEIP Eladia Mariño, de Cabanas;
  6. CPI Virxe de Cela e CEIP Andrade, de Pontedeume;
  7. CPI Conde de Fenosa, de Ares
  8. e CPI San Sadurniño.

A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, destacou o éxito da convocatoria e subliñou o feito de que “este tipo de actividades permiten fomentar a actividade cultural non só no municipio, senón tamén no resto da comarca, e introducir aos nenos e nenas desde moi pequenos no mundo do teatro a través dunha iniciativa que se desenvolve en horario escolar”. A edil naronesa asegurou que o Concello continuará apostando por este tipo de programas desde a área que dirixe “por entender que supoñen unha moi boa oportunidade para fomentar a cultura, neste caso concreto o teatro, entre o alumnado da zona".