O Concello de Narón está a piques de lograr a cifra de 40.000 veciños/as empadroados neste municipio.
Por este motivo, o pasado xoves 29 de maio, foi presentada unha campaña institucional baixo o lema “Narón, 40 mil razóns” que pretende ser unha demostración de ledicia e orgullo naronés.
En que consiste dita campaña? A primeira acción é a edición dun vídeo promocional no que os protagonistas son os propios veciños, e que foi estreado o pasado xoves 29 de maio no Café Teatro do Pazo da Cultura, coa presenza destas persoas entre o público. O vídeo estará dispoñible nas redes sociais de Facebook, Youtube e Instagram.
Isto non remata aquí... iranse anunciando as vindeiras accións desta campaña, que se estenderán durante varios meses e que incluirán unha homenaxe ó veciño ou veciña que consiga ser o número 40.000 no Padrón Municipal.
Proximamente realizarase un segundo vídeo, no que non só haberá imaxes senón tamén vídeo. Ademais, farase un concurso nas redes sociais e haberá actividades pensadas para os nenos/as de Narón, que se irán desvelando en vindeiras datas.
Na presentación do pasado xoves, participaron o Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, a Concelleira de Turismo, María Rodríguez Porto (quen presentou unha moción aprobada en Pleno por unanimidade para celebrar o logro dos 40.000 habitantes), e os voceiros do PSOE, Catalina García, e do BNG, Pablo Villamar.