NOVAS

Novos convenios culturais

Publicado o 09 de Outubro de 2015

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, asinou hoxe tres convenios de colaboración cos representantes da Asociación Cultural Areosa, de Piñeiros; a Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, de Pedroso e a Asociación de Veciños do Couto.

As achegas procedentes do Concello, que en conxunto ascenden a 15.000 euros, destinaranse á convocatoria de varias actividades culturais ao longo do ano.

En representación da Asociación Cultural Areosa acudiu ao acto Bruno González, encargado de rubricar o acordo polo que a entidade recibirá 5.000 euros. Con cargo a esta partida organizaranse:

 

  • a Festa do Socio
  •  o Certame de Habaneras
  • Os Maios
  • o Festival de Panxoliñas
  • un Maratón de Lectura
  • o Día do Libro
  • e outros actos

 

O presidente da Asociación de Veciños do Couto, Anselmo Beceiro, rubricou o convenio co Concello, tamén por un importe de 5.000 euros, e que permitirá manter, entre outros eventos, o programa de visitas guiadas ao mosteiro de San Martiño de Xuvia, na parroquia do Couto.

O terceiro dos convenios asinados esta mañá foi coa Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, de Pedroso, presidida por Lucía Torrente e que recibirá tamén 5.000 euros do Concello. Neste caso a partida destinarase a programar actividades propias e en colaboración co Concello para impulsar a vida social e cultural na citada parroquia a través da entidade.