NOVAS

Novos cursos do II Plan Municipal de Igualdade

Publicado o 17 de Setembro de 2015

A Concellería de Igualdade, dirixida pola edil Teresa Sabio, abriu o pasado día 15 o prazo de matrícula en varias actividades educativas dirixidas a mulleres desempregadas do municipio e maiores de 18 anos.

As sesións enmárcanse no II Plan Municipal de Igualdade do Concello de Narón.

Entre o vindeiro 1 de outubro e o 30 de xuño de 2016 impartiranse cursos de:

 

  1. Igualdade por medio da educación
  2. Confección
  3. Organización e xestión familiar

 

En total ofertaranse 93 prazas -tres de cada curso reservadas para persoas en risco de exclusión social, que serán derivadas polo Servizo Sociocomunitario de Narón- cubriranse por rigorosa orde de inscrición, sendo necesario superar unha proba de nivel moi básica entre os admitidos no curso de Confección. A

Onde se van a desenvolver? As clases impartiranse na Casa da Mocidade da Gándara, no Centro Municipal de Formación e no colexio de San Mateo, dependendo do curso.

Teresa Sabio anima a participar nestes obradoiros a todas as mulleres ás que van dirixidos, subliñando a importancia desta convocatoria e outras similares “para estar nas mellores condicións posibles a nivel formativo á hora de poder acceder a un posto de traballo”.

 

  1. O curso de Igualdade por medio da educación terá lugar dende outubro ata xuño –excepto os meses de xullo, agosto e setembro- na Casa da Mocidade, estando previstas as clases para os luns, mércores e xoves de 16.30 a 19.30 horas. Diríxese a 25 mulleres, que se formarán en lectura, escritura, xeografía, inglés, galego e cálculo.
  2. O obradoiro de Confección impartirase de outubro a xuño no Centro Municipal de Formación, coa finalidade de que as asistentes adquiran destreza no manexo da máquina de coser, aproveitamento de materiais e patronaxe. En total haberá vinte participantes, que se distribuirán en dous grupos en función dos seus coñecementos previos, un para os luns, mércores e venres de 09.30 a 12.30 horas e o outro para os martes e xoves de 09.30 a 12.30. Nas clases, as alumnas recibirán os coñecementos necesarios –teóricos e prácticos- para poder elaborar pezas de vestir, desenvolvendo a súa creatividade e abaratando os custos derivados de mercar roupa. 
  3. Un total de 48 mulleres son as destinatarias do obradoiro de Organización e xestión familiar, que se desenvolverá de outubro a xuño na Casa da Mocidade e no colexio de San Mateo. As clases serán en dous grupos: un deles o luns, mércores e venres de 09.30 a 12.30 horas e o outro os martes e xoves de 09.30 a 12.30. As sesións permitirán formar ao alumnado en habilidades que melloren os seus hábitos domésticos e dotalas doutras de carácter social e prelaboral, como xestión económica e do tempo, alimentación, organización do traballo e desenvolvemento de roles familiares, entre outros.

 

 

 

Os prazos? As mulleres interesadas deben presentar as instancias, xunto cunha fotocopia do DNI e outra da tarxeta de demandante de emprego, no Rexistro Xeral do Concello, de 08.30 a 13.00 horas, rematando o prazo de inscrición o vindeiro 29 de setembro.

Para obter máis información sobre estes cursos pódese chamar ao Servizo Sociocomunitario Municipal, ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1113 e 1115).