A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, inaugurará mañá unha Xornada sobre Cambio normativo dos requisitos de seguridade en parques infantís, instalacións recreativas e deportivas.
A convocatoria desenvolverase a partir das 9.45 horas nas insrtalacións do Café Teatro do Pazo da Cultura, en horario de mañá e tarde. José María Fariñas, experto en seguridade infantil e vicepresidente da Comisión de Normalización UNE en parques infantís, e Manuel Ángel Lorca, xerente e administrador de Vugalia, empresa que fabrica e subministra pavimentos de seguridade, serán os poñentes da convocatoria. Medio cento de funcionarios e representantes políticos de varios concellos da comarca –Narón, Ferrol, Ortigueira- e doutras localidades –A Coruña, Santiago, Betanzos, Oleiros, Culleredo, Miño…- confirmaron a súa asistencia a esta convocatoria.
Estas xornadas diríxense a persoal responsable técnico e que se encarga do mantemento de áreas de xogo, tanto infantís como deportivas e ten entre os seus obxectivos dar a coñecer os cambios normativos introducidos trala nova revisión das normas da UNE.
A xornada inaugurarase ás 9.45 horas e ás 10.00 –e ata as 14.00, cun descanso de media hora- terá lugar a intervención de José María Fariñas, que explicará os requisitos, criterios e responsabilidades da nova norma de seguridade atendendo a unha serie de parámetros. Tralo descanso para a comida –de 14.00 a 15.30- a partir das 16.00 horas retomarase a convocatoria, coa intervención de Manuel Ángel Lorca, que falará sobre as características dos pavimentos de seguridade, cómo instalalos e as garantías que ofrecen.