NOVAS

O campo de fútbol do Cadaval acollerá este domingo un partido solidario para recadar fondos destinados ao pobo saharaui

Publicado o 25 de Abril de 2017

O campo de fútbol do Cadaval acollerá o vindeiro domingo, día 30, un partido solidario para recadar fondos destinados ao pobo saharaui.

Representantes da corporación local naronesa impulsan esta iniciativa, para a que se convidou a participar a alcaldes e edís doutros concellos da comarca. O partido comezará ás 11.00 horas e confirmaron a súa participación, no caso de Narón, edís de todos os grupos da corporación local excepto o representante de Eliximos Narón Electores (ENE), que xogarán contra residentes saharauis en Galicia.

  1. As persoas interesadas en asistir colaborarán a través dun donativo de catro euros polo bono da entrada, e no caso de non poder asistir ao partido, poderán tamén ingresar a cantidade coa que desexen colaborar na “Fila 0” habilitada na conta de Abanca: ES40-2080-5056-1330-4003-4374. 

A recadación destinarase á ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), que promove, entre outros proxectos, o programa “Vacacacións en Paz”, a través do que nenos e nenas dos campamentos de refuxiados de Arxelia chegan a varios municipios de Galicia –e doutras comunidades- para pasar o verán alonxados das elevadas temperaturas que se rexistran nos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Arxelia. Con cargo a este partido solidario preténdese contribuír coa citada ONG no desenvolvemento de proxectos encamiñados a mellorar as condicións de vida do pobo saharaui, como programas de cooperación ou educativos, entre outros. Así mesmo, entre os obxectivos está, tal e como se indicou desde a organización, animar ás familias a acoller a menores saharauis, ofrecéndolles ademais a posibilidade de que lles realicen revisións médicas.

Os bonos para poder asistir ao partido poden adquirirse no Concello, no terceiro andar, ou tamén a través dos representantes dos grupos políticos de Narón que participarán nesta iniciativa solidaria.