Esta formación, incluída no Programa Municipal de Formación, diríxese a persoas empadroadas en Narón, maiores de 18 anos e desempregadas, tal e como recordou a concelleira responsable de Formación, Natalia Hermida.
A edil naronesa explicou que en total hai 15 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición.
O curso ten un total de 400 horas formativas -cunha parte de prácticas profesionais non laborais- que se impartirán entre o 8 de xullo e o 9 de novembro deste ano no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. Ademais, inclúe a maiores uns módulos adicionais de 15 horas. Prevención de riscos laborais específicos, Hixiene alimentaria, Coñecemento e diferenciación de peixes e mariscos, Recepción, almacenaxe e conservación de peixes e mariscos, Tratamento e preparación do peixe e Atención ao público e adaptación ao posto de traballo son as materias que se impartirán nesta acción formativa. As clases en aula impartiranse de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.00 horas, se ben as prácticas serán cinco horas ao día no horario que se determine.
As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo ata o día 1 de xullo ás 13.00 horas- través do Rexistro Xeral do Concello de luns a venres en horario de 8.30 a 13.00-, da Sede Electrónica e tamén a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O modelo de inscrición estará disponible no Rexistro municipal, se ben tamén é posible descargalo a través da Sede Electrónica do Concello.
Para obter máis información sobre esta acción formativa pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109), estando dispoñible tamén na páxina web do Concello de e na Sede Electrónica.
Hermida animou ás veciñas e veciños interesados a inscribirse e agradeceu de antemán “a colaboración que un ano máis nos brindan as empresas para que o alumnado poida desenvolver a parte práctica das accións formativas, complementando a formación recibida nas aulas”.