O espectáculo é de balde, pero é preciso inscribirse previamente pola limitación de aforo.
O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro día 29, ás 18.00 horas, unha nova proposta do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, “Os Bolechas e a porta dos camiños”, de Bolanda. A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta organiza esta convocatoria, que chega á cidade a través da Rede de Dinamización Lingüística. Trátase dun espectáculo dirixido ao público familiar, recomendado para menores de 4 a 8 anos e as súas familias, e cun aforo máximo de 50 persoas. A actividade é de balde, pero é preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico a.pita@naron.es.
No momento da inscrición débese indicar o nome da actividade, o nome e idade do neno ou nena, o nome da nai, pai ou persoa que acompañe ao menor, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. A participación na actividade será por estrita orde de inscrición, tal e como avanzou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo.
O espectáculo céntrase na viaxe que realizan Os Bolechas polo Camiño de Santiago para gañar o Xubileo do Ano Santo 2020. Os pequenos peregrinos vivirán numerosas aventuras e anécdotas ata chegar a Compostela, adentrándose indecisos polos camiños francés, portugués, inglés e pola Vía da Prata, coñecendo os principais puntos de interese de cada un deles.
O público terá a oportunidade de participar durante o espectáculo nun xogo didáctico interactivo, con probas e preguntas. A edil naronesa indicou que os asistentes optarán a unha serie de premios (lotes de libros de Os Bolechas), debido a que esta actividade de dinamización lingüística terá continuidade no sitio web dos Bolechas, á que tamén se poderá aceder dende o Portal da Lingua Galega.